Increméntanse os apoios e as mobilizacións os traballadores galegos afectados pola deslocalización das operadoras
xoves, 14 de decembro do 2006
É raro o mes en que non cheguen ós medios novas referentes á busca de novos mercados de contratación de persoal por parte das empresas de telecomunicacións. É dicir: falamos diso que se vén chamando deslocalización, un fenómeno que nos últimos tempos semella ter especial incidencia en Galiza. Así nolo recordan estes días os traballadores de Sykes, afectados polas recentes medidas de ONO e Orange de procurar man de obra máis barata en Latinoamérica, o que suporía –segundo os traballadores– a perda inminente de entre 400 e 650 postos de traballo só na nosa terra.
Máis polo miúdo, na delegación de Atención ó Cliente que estas firmas teñen en Lugo fican en perigo 120 postos dun equipo de 250, e na de Vigo son 250 os que se perderían dun total de 300. Estes datos, que podemos consultalos en www.deslocalizacion.com e www.informese.tk, teñen precedentes, como por exemplo os despidos masivos no call center asturiano de Teletech (empresa que desenvolvía servizos para Amena, que pertence agora a Orange).
A reacción dos traballadores galegos non se fixo agardar, e levan tempo mobilizándose baixo o lema En contra da deslocalización das empresas de telemarketing e pola protección dos datos dos seus clientes, sendo a deste 13 de decembro en Lugo e Vigo a máis recente das súas concentracións.
A estas actividades de protesta vén de sumarse a Coordinadora Unitaria de Traballadores do Telemarketing amosándolle ó colectivo galego a súa “solidariedade” e denunciando perante a opinión pública a indefensión dos mesmos respecto “á deslocalización masiva dos servizos de Atención ó Cliente por parte das operadoras de telefonía maioritarias como as devanditas ou mesmo Jazztel, Wanadoo, Movistar e Telefónica”.
A xuízo desta coordinadora e do colectivo de traballadores de Sykes, estas medidas das grandes empresas non só prexudican ós propios empregados senón tamén ós clientes, xa que desprezan os seus dereitos fundamentais sobre protección de datos ou mesmo as propiedades (infraestruturas) públicas que empregan as operadoras e que, a fin de contas, pertencen ós cidadáns.
