Industria achega 233,6 millóns en axudas para proxectos TIC innovadores, sobre todo das PEME
xoves, 27 de setembro do 2012

- Víctor Calvo-Sotelo, secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información
O Ministerio
de Industria anunciou esta semana a concesión de axudas por importe de 233,6
millóns de euros a 262 proxectos TIC innovadores, que son as iniciativas
presentadas á convocatoria 2012 do programa Competitividade I+D. Dos devanditos
233,6 millóns, 48 irán destinados a subvencións e 185,6 a préstamos. Segundo
informa a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade de Información,
que é o órgano que resolve as axudas, estas oriéntanse a acadar un axeitado
desenvolvemento e emprego das novas tecnoloxías, das súas aplicacións e
servizos, aos que a Secretaría considera “como
instrumento para o cambio de modelo económico, xa que o afianzamento do seu uso
permite e permitirá un medre da competitividade e a produtividade, favorecendo
e dinamizando a economía e consolidando un crecemento sustentable”.
Os
proxectos que se financian son iniciativas con clara potencialidade de convertérense
en realidade e xerar beneficios propios e xerais. En palabras da Secretaría,
son proxectos “de desenvolvemento
experimental con solucións próximas ao mercado”. Artéllanse nas seguintes áreas
temáticas e tipos:
· Internet do
futuro
· Sistemas e
dispositivos
· Solucións TIC
para a empresa
· Seguridade
· Saúde e benestar
social
· Administración
pública
· Proxectos de
ámbito internacional
O número de
beneficiarios incluídos nos 262 proxectos financiados nestas áreas temáticas foron 411 entidades das
que 208 constitúen pequenas empresas, que supoñen unha porcentaxe do 50,6; 102
medianas empresas, que representa o 24,8 % e 83 grandes empresas, cifra que
anda a rentes do 20% del total. En conxunto, as PEME beneficiadas son máis do 75%
dos receptores de axudas.
