Ineo desvela este martes os principios básicos do neuromarketing

luns, 28 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

Este martes 29 de marzo, Vigo dará acubillo a un encontro profesonal destinado a pór de relevo innovadores xeitos de promovernos, facer publicidade e distribuír os nosos produtos. Xeitos que pasan de maneira inevitable polo uso a esgalla de novas tecnoloxías, incluidas as sociais, e por un contacto máis directo con clientes e usuarios, tanto que até se terá en conta o que lles interesa malia non expresalo abertamente. Falamos do Foro Ineo Neuromarketing Web, unha xornada a celebrar a partir das 17.00 horas no Auditorio da Zona Franca de Vigo, e que supón unha nova entrega dos Foros Ineo.
Tal e como indica o título da xuntanza, esta vai dirixida a expoñer as últimas novidades achegadas por esta recente disciplina de marketing, baseada no estudo do peso que teñen as emocións e o inconsciente na toma de decisións.
O foro contará entre outros especialistas con Roberto Pérez, socio consultor de Visual Publinet, axencia de comunicación galega especializada nas posibilidades das redes, quen fará un percorrido por unha axeitada estratexia nestas prácticas de promoción. A intervención de Roberto Pérez acompañarase de trucos prácticos e técnicas sinxelas para aplicar en calquera estratexia web e incrementar deste xeito as visitas dos clientes ou usuarios e facer medrar as cifras do negocio. A participación no foro ten un prezo de 25 euros por persoa, aínda que as empresa asociadas a AJE Vigo, AJE A Coruña e Ineo poden beneficiarse da participación de balde neste evento. É de obriga formalizar a reserva de praza en comunicacion@ineo.org.

PUBLICIDADE