Innovación e Industria pon en marcha dúas novas webs para as empresas galegas

martes, 15 de abril do 2008 Fernando Sarasketa, Marcus Fernández

Fernando Blanco e Helena Veiguela durante a presentación de GaliciaXa

Esta mañá en San Caetano, o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, xunto coa directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Elena Veiguela, presentaron GaliciaPMS, un espazo para a mediana e pequena empresa que achega ferramentas e servizos tecnolóxicos ó tecido empresarial, que fala na mesma linguaxe cás pemes e tratando de atender as súas necesidades. A idea última deste proxecto é subministrarlle ó eido privado galego un apoio máis forte de cara á internacionalización e a competitividade no mercado global, proceso para o que resulta cada vez máis imprescindible apostar polo dixital.

Intervención de Fernando Blanco durante a presentación de GaliciaPMS

Sinalar que o sitio GaliciaPMS está deseñado na súa totalidade en software libre e instalado nunha plataforma IBM dotada de software básico libre “tamén na súa totalidade interoperable e multimedia”, segundo sinalou a Consellería.
Ademais, para facilitar o acceso a todas as iniciativas on-line que a Consellaría pon a disposición do tecido empresarial Fernando Blanco tamén presentou GaliciaXa, un portal que abre o acceso na actualidade a byGalicia, GaliciaPMS, Mancomún e a Estratexia galega da Sociedade da Información, e ao que se seguirán engadindo portais de referencia nesta materia.
Espazo de diálogo empresarial
A plataforma GaliciaPMS vai dirixida a establecer diálogo. Diálogo das empresas coa Consellería pero tamén diálogo entre elas. Con este fin, habilitouse dentro do portal un espazo chamado Enterpemes encamiñado a favorecer ferramentas para a comunicación en rede do xeito máis doado posible. Por exemplo: sen necesidade de obrigar ós empresarios a desprazarse dun recanto a outro do país ou a viaxar a outros lugares do mundo no seu proceso de apertura de mercados (co conseguinte aforro de cartos e tempo). Deste xeito, ofrécense servizos de videoconferencias, chats e foros, “integrando todas as ferramentas de contacto entre empresas”.
Outro dos apartados de diálogo que quixo salientar a Consellería foi a sección Oportunidades de Negocio, onde se subministran servizos de taboleiro virtual de anuncios, directorio e buscador de empresas con datos e contacto de máis de 70.000 pemes galegas, con localización a través de Google Maps e datos específicos de provedores da nosa terra de novas tecnoloxías da información (equipos e/ou programas).
Espazo de achega de software
Un dos puntos fortes do portal é sen dúbida a sección Programas e Servizos, que é onde poderemos informarnos das axudas en materia de innovación que poden recibir as pemes e, tamén, onde teremos ó alcance da man varios programas de software e acceso libre encamiñados a mellorar o día a día da nosa empresa. Neste senso, poderemos descargar paquetes básicos de contabilidade e nóminas ou mesmo programas destinados a labores de oficina como redacción de cartas, listaxes de produtos, facturas ou presupostos.
Outro dos eidos salientables é o de Temas empresariais, un apartado actualizado de xeito constante e que pon a disposición dos internautas cuestións vinculadas ó económico (cuestións a fin de contas importantes para as súas empresas presentes e futuras) como onde atopar financiamento, mellores estratéxicas de marketing e calidade, etc.