Innovación porá en marcha programas de difusión das vantaxes do DNIe (ese descoñecido)

mércores, 18 de xullo do 2007 Fernando Sarasketa

O DNI electrónico (DNIe) ten máis sona hoxe polos problemas de ringleiras que ocasiona nas dependencias da Policía Nacional que polas vantaxes que vai achegar ós cidadáns. O caso é que en moitos eidos da sociedade segue a ser un completo descoñecido.
De feito, segundo un estudo recente de Pragsis Technologies, o 63% dos cidadáns españois tiña a idea de que a nova tarxeta de identificación era o mesmo cá vella pero con toma para corrente eléctrica. Asemade, o 62% dos enquisados lle botaba a culpa ás institucións públicas por non terlles informado cumpridamente das súas funcións, requisitos e demais (os medios de comunicación tamén tivemos turrada de orellas, posto que unha boa parte dos españois sostén que non subministramos datos abondo sobre o tema, e é probable que teñan moita razón).
O caso é que nalgúns ámbitos semella que se quere tomar cartas no asunto. Por exemplo, no marco dos acordos entre a Consellería de Innovación e o Ministerio de Industria, ó abeiro dos que se desenvolverán programas de difusión sobre o novo DNI (primeiro) e sobre as vantaxes da cidadanía dixital (segundo).
Os programas van encamiñados sobre todo a conseguir que empreguemos a nova tarxeta (e as novas tecnoloxías en xeral) para mellorar no posible a nosa calidade de vida (facendo trámites a distancia, axilizándoos, acurtando o camiño que nos separa da información, etc) e non como simple substituto do vello DNI acabado de caducar.
Concienciación e sensibilización
Segundo apunta Innovación, a primeira das iniciativas diríxese a impulsar o uso da tarxeta electrónica “como instrumento para a incorporación de toda a sociedade aos novos recursos tecnolóxicos da información e a implicación dos cidadáns galegos na utilización das novas tecnoloxías como factor xerador de novas capacidades, emprego e desenvolvemento económico”. Neste senso, a medida virá acompañada dun investimento de 300.000 euros. En definitiva, estamos a falar dun programa orientado a sensibilizar e concienciar a tódolos eidos da sociedade, non só ós cidadáns, senón tamén ás propias institucións públicas e ás empresas.
Estas son algunhas das medidas concretas que se están a preparar:
· Dotar de lectores de DNIs ós puntos de información das oficinas de formación e colocación e ás oficinas de emprego da Xunta.
· Fomentar a utilización do novo documento de identidade a través da aplicación do Rexistro Público de Demandantes de Vivenda e Protección Autonómica.
· Desenvolver programas de difusión e asesoramento do DNIe nas pequenas e medianas empresas (pemes).
· Distribuír axudas para a realización de eventos e formación para o impulso do DNIe entre os cidadáns.
Segunda iniciativa: Programa Cidadanía Dixital
Polo que respecta á segunda das iniciativas convocadas, o Programa Cidadanía Dixital (ao que Innovación destinará 1.204.860 euros), cómpre sinalar que está encamiñada “a garantir a extensión do uso das TIC nos fogares galegos e a asegurar a inclusión e ampliar os ámbitos de participación dos cidadáns e das empresas na vida pública”. Para isto, as actuacións principais do proxecto destínanse a axudas para o seguinte, segundo apunta a Consellería:
· O establecemento de televisión dixital de baixa potencia (gapfillers).
· A creación dun sistema de control de contidos dixitais para TDT local.
· A extensión de banda ampla ás comarcas rurais da Galiza, “onde o uso da mesma é moi reducido”.
· Ó desenvolvemento do portal de coidados www.coidanet.es, “mediante novos contidos informativos e a ampliación dos servizos ofertados até o de agora”.
Para que serve o DNI e en que consiste?
Mais cómpre lembrar os beneficios que vai achegar ás nosas vidas o novo documento. A identificación dixital é, por así dicilo, a gran aposta das institucións públicas por dinamizar a entrada definitiva e plena de España no que se vén chamando a “Sociedade da Información”. O novo DNI é unha mestura entre o vello e unha tarxeta de crédito e, tamén, un pasaporte para andar pola Rede con total garantía de seguridade. Os cidadáns que sigan na súa teima de crer que Internet non é do seu gusto, poderán facer o mesmo que facían até o de agora coa vella identificación: nada. É dicir, amosala perante as autoridades, as administracións ou os locais comerciais que llela requiran, ou ben, seguir a deixala como aval ou garantía naqueles lugares onde recollan algo emprestado.
Ironías aparte, para tódolos cidadáns que estean afeitos a empregar as novas tecnoloxías da información ou que se decidan a facelo, vailles supoñer a achega de confianza nas redes que lles faltaba até o de agora. É dicir: quen máis e quen menos dubida, aínda que sexa un chisco, antes de subministrar datos persoais e bancarios na Web, por moitas garantías de seguridade que se ofrezan. Tódolos días fálase de fraudes en Internet e iso, queirámolo ou non, pasa factura. Dito doutro xeito: temos medo de que nos suplanten, e sabemos ben que é posible facelo cunha tarxeta de crédito roubada. Mais, co DNIe (sinalan expertos como Jordi Masías, director xeral da Axencia Catalá de Certificación Electrónica) teremos a máxima garantía posible de que non vai a haber ninguén que faga operacións comerciais ou trámites por nós. Isto conséguese co uso dos certificados electrónicos inseridos na tarxeta e coa clave de persoal de acceso (PIN) ós mesmos.
É dicir: o chip que está na tarxeta é o máis semellante á nosa propia identidade ó que se pode chegar. Os certificados electrónicos son os seguintes: o que garante a identidade do cidadán á hora de efectuar unha transacción ou trámite na Rede e o certificado de sinatura electrónica recoñecida.

PUBLICIDADE