Instagram permite compartir publicacións como adhesivos en historias

venres, 18 de maio do 2018 Marcus Fernández

Aínda que en Instagram continuamos sen ter unha funcionalidade equivalente ao rechouchío de Twitter, que facilite a viralidade dos contidos, temos agora unha prestación moi semellante, que consiste en poder compartir publicacións como adhesivos en historias, de xeito que non só replicamos o seu contido, senón que tamén incluímos a posibilidade de ver a publicación orixinal, de xeito que cando compartimos algo cos nosos amigos e seareiros estes poden acceder ao contido orixinal para unha experiencia máis completa.
Para compartir unha publicación deste xeito podemos premer na icona do avión de papel que aparece debaixo da mesma, para logo premer na opción de engadir a publicación á nosa historia, tras o que a imaxe a compartir transfórmase nun adhesivo que podemos escalar, rotar e mover, así como presentarse nun par de estilos diferente. Se logo prememos no adhesivo publicado, podemos acceder ao contido orixinal, aínda que cómpre advertir de que os vídeos publicados deste xeito compartiranse como imaxes estáticas e só será posible compartir publicacións de contas públicas (podendo cada usuario elixir na súa configuración se quere que as súas publicacións poidan compartirse deste xeito).

PUBLICIDADE