Instagram estrea a videoconferencia en grupo

martes, 26 de xuño do 2018 Marcus Fernández

A aplicación de Instagram para iOS e Android non cesa de recibir novidades semana a semana, e desta volta non se limitan a unha única funcionalidade, senón que estrean de vez o video chat, as canles temáticas na función de explorar e novos efectos de cámara para a historias, que dende hoxe mesmo están dispoñible para a meirande parte de usuarios.
Cando esteamos nunha conversa privada dentro de Instagram, tanto cunha persoa ou en grupo, poderemos iniciar unha videoconferencia premendo na icona da cámara que figura na esquina superior dereita, de xeito que a pantalla dividirase para acoller até a 4 persoas á vez, cunha grande diferenza fronte a outras aplicacións semellante, e que podemos deixar esta comunicación nun segundo plano, quedando o vídeo flotando para que podamos manter a conversa mentres realizamos outras cousas en Instagram, como enviar mensaxes, publicar fotografías ou navegar entre os contidos.
As mensaxes directas terán controis de privacidade, de xeito que podemos bloquear a unha persoa (para que non poda tentar iniciar unha conversa de vídeo connosco ou silenciar a unha persoa (se non queremos recibir as súas notificacións).
Na sección de busca (ou Explorar) de Instagram tamén temos un novo xeito de localizar contidos interesantes, xa que na parte superior presentaránsenos varias temáticas sobre as que podemos buscar publicacións ou usuarios que poderían ser do noso interese. Aparte dos temas suxeridos pola aplicación continuaremos a ter unha selección de contidos elixidos en función da nosa actividade anterior. Se unha canle non é do noso interese tamén podemos silenciala.
Logo, no que á cámara para historias se refire tamén temos unha serie de novos efectos que estarán dispoñibles se seguimos ás contas da NBA, Ariana Grande, Liza Koshy, Baby Ariel ou Buzzfeed, que buscan que os usuarios poidan sentirse máis próximos destas celebridades e medios. Cando vexamos un destes novos efectos personalizados poderemos premer no botón de probar para integralo na nosa galería de efectos (sen a necesidade de seguir á celebridade asociada ao mesmo). Temos así unha nova ferramenta que axuda a dar unha maior visibilidade ás contas de usuario que teñen efectos de seu (lembrando á incorporación de efectos patrocinados co gallo da estrea dalgún filme).

JPEG - 140.4 KB
Nos chats podemos iniciar videoconferencias en grupo que manter mentres seguimos empregando Instagram

PUBLICIDADE