Instagram prepara novas proteccións para os mozos na súa plataforma
martes, 17 de setembro do 2024
Dende Instagram están a anunciar novas medidas de protección para os menores, que nos vindeiros 60 días espallaranse entre usuarios de EE.UU., Reino Unido, Canadá e Australia, e antes de rematar o ano pretenden que chegue tamén á Unión Europea, mudando así a experiencia de uso de Instagram para millóns de mozos.
O novo sistema aplicarase directamente aos menores de 16 anos, de xeito que precisarán consentimento paterno se queren relaxar algunhas das restricións que se establecen de xeito automático na súa conta, como o feito de que de xeito predeterminado estará publicada como privada, para tranquilidade dos seus proxenitores.
Deste xeito, os mozos terán que aceptar novos seareiros e a xente que non os segue non poderá ver o seu contido nin interactuar con eles. De feito, a mensaxería destas contas limitarase a persoas ás que seguen ou coas que se teñan comunicado anteriormente.
De xeito predeterminado as contas dos modos estarán configuradas para non acceder a contido sensible, o que iría dende violencia até a promoción de procedementos cosméticos.
Os mozos só poderán ser etiquetados por persoas ás que seguen, e contarán coa versión máis restritiva dos filtros contra o acoso da plataforma (de xeito que certas palabras e frases serán filtradas en comentarios e mensaxes directas).
Tamén haberá certas limitacións horarias, de xeito que cando un mozo leve máis de 60 minutos empregando Instagram no mesmo día recibirá unha notificación, e entre as dez da noite e as sete da mañá terán activado o modo sono, que silencia as notificacións e responde automaticamente ás mensaxes.
Os proxenitores, pola súa banda, poderán supervisar con quen conversan os mozos, establecer límites de uso diario de Instagram, bloquear o uso de Instagram a determinadas horas, ver os temas dos contidos que os mozos ven e, en definitiva, involucrarse na experiencia de Instagram que teñen os seus fillos se así o desexan.