Instálanse na Tecnópole catro novas firmas innovadoras ao abeiro dos Premios INCUVI

venres, 28 de abril do 2017 Redacción

Este xoves formalizouse a “domiciliación” oficial na Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia) dos catro proxectos gañadores no Campus de Ourense da sexta edición dos Premios INCUVI-Emprende, organizados pola UVigo para fomentar o espírito emprendedor. Trátase de Kuatro Marketing Digital, Nutrición Integral en Tu Empresa, OuVIr e Ridesport. No acto de presentación dos novos inquilinos participaron os promotores das ditas iniciativas innovadoras e máis Virxilio Rodríguez, vicerreitor do Campus, Salustiano Mato, reitor da UVigo, e Patricia Argerey, conselleira delegada da Tecnópole, quen recibiu aos impulsores dos proxectos convidándoos a sentirse coma “na súa casa” e a tirar proveito dos espazos da Tecnópole para o seu traballo pero tamén para a súa formación, para asesorarse e para lograr a viabilidade. Respecto da actividade que van xerar, as catro start-ups centraranse na mercadotecnia dixital (Kuatro), en servizos de comunidades en liña para deportistas afíns (Ridesport), en hábitos alimenticios saudábeis para empresas (Nutrición Integral) e na acción transformadora para colectivos con diversidades funcionais (OuVIr).
Kuatro Marketing Digital é unha iniciativa de Andrés López, egresado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, Miguel Madriñán e Adrián Santos. A súa proposta consiste en achegar asesoramento e deseño de solucións estratéxicas e operativas de mercadotecnia dixital, que optimicen a presenza en liña de calquera modelo de negocio, permitindo achegar o negocio aos seus consumidores “de forma práctica, eficaz e rendible".
Pola súa banda, Ridesport é un proxecto emprendedor de Eva Robledo Rivera. Trátase dunha plataforma online de economía de colaboración cuxa finalidade é o turismo deportivo. Nela, os turistas/viaxeiros a un destino poderán pórse en contacto con persoas locais que practiquen o seu mesmo deporte, compartir gastos de desprazamento, así como o material requirido para a actividade e coñecer novos emprazamentos do seu deporte favorito desde un punto de vista local.
Polo que respecta a Nutrición Integral en Tu Empresa, a súa impulsora é Melanie Sol Biloni, procedente da Facultade de Ciencias, quen define o seu proxecto como “un programa de benestar global para as empresas que detecta necesidades puntuais dos empregados da organización e fornéceos de solucións estratéxicas para que melloren a súa calidade de vida”. A idea, apuntou, nace tendo en conta a ausencia de nutricionistas na rede sanitaria pública.
Por último, desde a Facultade de Ciencias da Educación xorde OuVIr, unha iniciativa da educadora social Estefanía Estévez. A súa proposta céntrase en xerar unha acción transformadora para as persoas con diversidade funcional de todo tipo, dende cognitiva a intelectual e persoas en situación de dependencia, ofrecendo asistencia persoal. Nesta edición dos Premios INCUVI-Avanza, que tratan de consolidar os dous mellores proxectos gañadores da pasada edición de INCUVI-Emprende, saíron seleccionados dous proxectos, un deles, chamado Brigantia, do Campus de Ourense. Lucía González e Rita Carreira, graduadas en Educación Social, propoñen en Brigantia “un espazo onde crear e desenvolver programas e actividades que promovan a igualdade e o respecto polo medio ambiente, avivar un lecer e un tempo libre saudábel fóra do consumismo, e onde promover e fomentar a lingua e a cultura galega”. Elas continuarán no CITI, no Centro de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, a maduración do seu proxecto.

PUBLICIDADE