Intermax impulsou unha viaxe profesional galega ao Mobile World Congress

venres, 1 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

Esta última semana de febreiro celebrouse en Barcelona o que para moitas empresas, profesionais e analistas TIC é o evento anual máis relevante do panorama das tecnoloxías móbiles, a nivel mundial. Estamos a falar do Mobile World Congress Barcelona (https://www.mwcbarcelona.com/), que contou novamente coa presenza das máis representativas empresas do sector, estatais, europeas e mundiais, e, tamén, coa participación dunha máis que salientábel embaixada galega. Unha parte importante desta embaixada contou co empuxe de Intermax, firma galega centrada en servizos avanzados de banda larga para o rural, con centro de operacións en Melide e comandada por Javi Mouriño.
Máis en detalle, Intermax participou no Mobile World Congress auspiciando unha viaxe-expedición que foi quen de xuntar a máis de 20 representantes do mundo empresarial, social e deportivo da nosa terra, co obxectivo de tomarlles o pulso ás tecnoloxías máis innovadoras en redes e telefonía e, tamén, mostrar o potencial galego neste ámbito en concreto e noutros eidos conectados.
En concreto, o obxectivo de Intermax foi pór en contacto a diversos ámbitos da sociedade galega cos últimos lanzamentos e tendencias tecnolóxicas que se deron cita na feira de telefonía móbil máis importante a nivel mundial que se celebra en Barcelona. Para os seus desprazamentos na capital catalá, co fin de non verse afectada polas complexidades locais do transporte (e buscando tamén lucir marca galega), a expedición da nosa terra cara ao evento tecnolóxico contou con vehículos que tomaban o nome de mulleres galegas representativas do seu tempo, Rosalía de Castro e Vero Boquete.

Javier Mouriño durante a súa estadía no MWC de Barcelona

Equipos e servizos
Na súa expedición ao Mobile World Congress de Barcelona, a empresa de banda larga para o rural Intermax fixo un importante traballo de campo, dando conta das diversas novidades para, en última instancia, adquirir os equipos e servizos máis punteiros para adaptalos e ofrecelos aos seus clientes. A delegación galega en Barcelona auspiciada por Intermax tamén permitiu que empresas e organizadores de eventos como Galirent, Alce Consulting ou os coordinadores dos eventos da World Surf League en España (Club Praia de Pantín) puidesen manter durante o transcurso do Mobile World Congress diversas xuntanzas de traballo con vistas a que frutifiquen, a medio e mesmo a curto prazo, na mellora de servizos aplicada coa tecnoloxía máis punteira e eficiente. Por exemplo, dende a World Surf League a intención é facer revolucionar o seu deporte dun xeito equiparábel ao que fixo o VAR co fútbol profesional.
As empresas galegas desprazadas ao Mobile World Congress tiveron desta maneira a posibilidade de relacionarse con fabricantes e desenvolvedores tecnolóxicos de primeira orde mundial para incorporar aos seus activos importantes novidades tecnolóxicas que pasarán a formar parte do noso día a día, contribuíndo así á superación de retos tecnolóxicos e a unha mellor calidade de vida.
Club Praia de Pantín
Como dixemos, o Club Praia de Pantín, coordinador dos eventos da World Surf League en España e organizador do Campionato do Mundo de Surf máis importante de España, formou parte da expedición de Intermax Technology no MWC Barcelona buscando novos desenvolvementos tecnolóxicos que puideran ter encaixe nos acontecementos deportivos que impulsa a entidade, moi envorcada nestes últimos anos a complementar o seu traballo estritamente deportivo con importantes contribucións innovadoras ao turismo, a ecoloxía e, tamén, á tecnoloxía. No Mobile World Congress, e da man de Intermax, o club mergullouse en innovación tecnolóxica e en exemplos concretos de aplicación mesma, con fin de integralos e poñelos en marcha na edición 2019 do campionato, seguindo o salientábel camiño de colaboración co Instituto Tecnolóxico de Galicia (o ITG) iniciado en 2016 (un camiño que se concretou no uso, in situ, dun sistema de telemetría chamado FlyThings Surf e con capacidade para avaliar e calibrar cousas como a forza que imprime o surfeiro á táboa ou a velocidade de execución dos seus xiros). No programa de proxectos vindeiros do club inclúese a aplicación de novas ferramentas para a vindeira edición do evento de Pantín, que se vai celebrar do 28 de agosto ao 7 de setembro deste ano.
Mobile World Congress
A edición 2019 da feira barcelonesa pechou o 28 de febreiro as súas portas, batendo outro récord de participación: contabilizáronse case 110.000 visitantes, o que supera en 2.000 persoas as cifras acadadas na edición anterior. No que se refire a empresas, entidades e organizacións implicadas, foron arredor de 2.300. O fío temático principal foi a nova xeración de tecnoloxías móbiles, a 5G, e todos os recursos e novidades que se derivan da súa progresiva (e imparábel) implantación. Asemade, falouse moito de Intelixencia Artificial, realidade virtual, dispositivos e ferramentas para incrementar a nosa calidade de vida, servizos na nube e, tamén, cousas que debemos facer para ter un futuro tecnolóxico máis converxente, accesíbel, compatíbel e intelixente. Outro dos puntos que máis atención espertou foi a robótica social e máis o seu potencial para axudarnos no noso día, mesmo en labores relacionados coa medicina e a atención. O Mobile World Congress foi, de feito, a confirmación definitiva de que o 5G representará a enerxía definitiva para o despegue real e integral da robótica nas nosas vidas, en primeiro lugar porque poderán ser máis elaborados ao ter mellor conexión e poder interactuar máis coa súa contorna (o 5G, impulsando a Internet das Cousas, creará un ecosistema de efectividade e comunicación total para os sistemas intelixentes de toda índole).

PUBLICIDADE