Investigadores da UDC exploran o potencial dos dispositivos na rehabilitación infantil no fogar
luns, 8 de xuño do 2026
Investigadoras do CICA da Universidade da Coruña participaron nun estudo internacional que analiza como nenos e nenas con parálise cerebral unilateral empregan a tecnoloxía no seu día a día e como perciben as súas familias o uso de dispositivos como tabletas, teléfonos móbiles ou videoconsolas no fogar.
O traballo, publicado na revista Disability and Rehabilitation: Assistive Technology, recolle as experiencias de familias de menores de entre 3 e 7 anos con parálise cerebral unilateral en diferentes comunidades autónomas españolas.
Segundo fai saber o grupo, os resultados amosan que moitos dos menores empregan ambas mans de maneira máis espontánea cando interactúan con xogos, aplicacións ou dispositivos que lles resultan motivadores. De feito, as familias participantes na investigación coinciden no potencial da tecnoloxía (e no interese que esta esperta) para favorecer que os nenos intenten integrar a man afectada en actividades cotiás, especialmente naquelas que requiren o uso das dúas mans.
Porén, o estudo tamén identifica barreiras importantes: “Moitos dispositivos non están adaptados ás necesidades motoras destes nenos: o tamaño dos botóns, a sensibilidade das pantallas táctiles ou a necesidade de movementos precisos poden dificultar o uso e provocar frustración”, sinala o grupo de investigación, engadindo que “as familias valoran aquelas ferramentas tecnolóxicas que poden favorecer a participación e o uso funcional da extremidade afectada sen facer que os nenos se sintan diferentes dos seus iguais”.
A investigación conclúe que “adaptar tecnoloxías xa presentes nos fogares podería contribuír a complementar a rehabilitación en contornas naturais e motivadoras, sempre cun uso supervisado e adecuado á idade dos menores”.
No estudo colaborativo ca Manchester Metropolitan University, Universidade de Castela-A Mancha e Universidade Miguel Hernández participaron a investigadora Verónica Robles García e a investigadora predoutoral Irene González Eiroa do grupo NeuroCom.
