Investigadores da USC impulsan unha web que cartografía a Compostela literaria

luns, 5 de xuño do 2017 Fernando Sarasketa

Aínda que o salón SELIC que se celebra estes días en Compostela sexa en si mesmo un recordatorio de que Santiago é unha cidade estreitamente ligada aos libros, cómpre seguir facendo fincapé neste punto e tirar proveito dunhas cantas cousas ligadas á cuestión literaria: primeiro, en Santiago viviron e escribiron grandes escritoras e escritores; segundo, moitas das grandes obras da literatura galega e estatal están ambientadas na cidade; e terceiro, Compostela e as súas xentes e recantos seguen vixentes como materia prima artística de primeira liña. Para salientar estes feitos e abrir novos camiños para chegar a eles e entendelos vén de abrollar a páxina Compostela Xeoliteraria. Podemos vela en compostelageoliteraria.org.
A web, que polo de agora está só en castelán, está dirixida a divulgar “os resultados dun proxecto que ten como obxectivo a análise da conformación de Santiago de Compostela como cidade literaria”. Na páxina traballan investigadores da USC e das universidades de Cáceres e Huelva, expertos nos eidos dos estudos literarios e da xeografía, de aí o nome de Compostela Xeoliteraria. A idea básica é facer confluír literatura, xeografía e as posibilidades de localización e achega de información que fornecen as novas tecnoloxías. Da confluencia destes mundos extráense puntos de vista ata o de agora nunca vistos nin empregados.
O proxecto, aliñado no ámbito das humanidades espaciais, é un proxecto aberto e en desenvolvemento. Segundo conta o responsable do grupo de investigación, o catedrático da USC Fernando Cabo Aseguinolaza, definiuse nas primeiras xeiras de traballo un corpus limitado de textos publicados entre 1842 e 1926. Na súa maioría, estes textos adscríbense ao xénero da estudantina. “Trátase dun conxunto de textos acoutado e ben definido que comparte a visión de Santiago como cidade estudantil descrita desde a experiencia dos estudantes universitarios de finais do XIX e principios do século XX”, explica o profesor Cabo. Neste treito temporal, obxecto primeiro de estudo, tamén figuran nomes como o de Antonio Neira de Mosquera, que inaugura a representación literaria contemporánea de Compostela, Manuel Murguía, Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Juan Armada y Figueroa, Ramón del Valle-Inclán, Alejandro Pérez Lugín ou Prudencio Canitrot.
A web, que como dixemos ten vontade de extraer recursos relevantes da interacción coas tecnoloxías de localización, máis en detalle coas tecnoloxías SIX (Sistemas de Información Xeográfica), fornece unha serie de mapas que, en palabras dos responsables do proxecto, “permiten visualizar a dimensión espacial do corpus, ou sexa, mapas de puntos e rutas, de recorrencia, mapas dinámicos, mapas que marcan a diferenza entre lugares de acción e de proxección, entre lugares proxectantes e proxectados”.
Para a divulgación dos resultados da investigación optouse por un soporte interactivo (Story Map), que segundo indican os responsables dos traballos “facilita a expresión e comprensión dun imaxinario xeoliterario limitado, pero moi significativo”. Este imaxinario, engaden, abre o camiño para novas achegas vindeiras.