Investigadores do CINTECX desenvolven unha tecnoloxía que predí a calidade do aire interior en tempo real

martes, 3 de febreiro do 2026 S. P.

Conscientes da importancia de garantir a calidade do aire do interior (IAQ) dunha edificación, os investigadores do Grupo de Tecnoloxía Enerxética do CINTECX (Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da UVigo), veñen de pór en marcha un proxecto, financiado con 390.000 euros do programa Ignicia da Xunta de Galicia, dirixido a buscar solucións ás importantes limitacións que presentan os sistemas actuais, que non permiten unha representación tridimensional e predictiva dos parámetros de calidade ambiental e que teñen un alto custo e complexidade de instalación.
Titulado Monitoraxe da calidade do aire interior e representación 3D con Intelixencia Artificial, o proxecto está liderado polo catedrático Enrique Granada Álvarez, e xunto a el completan o equipo de traballo o tamén catedrático Pablo Eguía Oller e o emprendedor Miguel González Maquieira, cofundador de diferentes proxectos tecnolóxicos.
“IAQIA3 responde ao retos que formulan os sistemas actuais cunha tecnoloxía innovadora baseada en intelixencia artificial que permite o modelado dinámico, en 3D e no tempo, da calidade do aire interior e a súa integración con sistemas de xestión de edificios (BMS)”, explica o responsable do proxecto, quen pon o foco en que “isto permite detectar ineficiencias nos sistemas de ventilación ou adaptarse en tempo real ás cambiantes circunstancias derivadas do uso que as persoas usuarias fan dese edificio”.
A solución combina dispositivos autónomos de baixo custo para medir parámetros como dióxido de carbono, temperatura e humidade relativa, con opción de incorporar outros sensores, xunto cun modelo avanzado de IA capaz de xerar modelos espaciais e temporais a partir de medicións puntuais. Emprega, ademais, comunicacións eficientes e un deseño de baixo consumo que facilita un despregamento rápido e sen infraestruturas complexas.
“A diferencia dos sistemas convencionais, IAQIA3 non só mide, senón que modela e predí a evolución da calidade do aire en cada punto do espazo, reducindo o número de sensores necesarios, permitindo accións correctivas en tempo real e asegurando a compatibilidade con protocolos industriais como BACnet, Modbus ou Zigbee”, engade Granada.
O mercado obxectivo inclúe hospitais, centros comerciais, edificios de oficinas, terminais de transporte ou ximnasios, e a proposta conta co apoio de numerosos axentes do sector. O proxecto culminará coa creación dunha spin-off especializada en solucións de IAQ, cun modelo de negocio baseado na comercialización de algoritmos de IA para visualización 4D.