James Lovelock sitúa a Galicia entre os países que máis poden axudar contra os efectos do cambio climático
martes, 6 de outubro do 2009

- Lovelock, á dereita, durante o seu encontro cos medios de comunicación en Compostela
En termos de sostibilidade da Terra e das súas actuais condicións naturais actuais xa non podemos seguir pensando en volver ao punto de partida. Dito doutra maneira: o gatillo xa foi premido e o disparo está no aire. Volver a meter a bala na pistola, como se pode supoñer, é imposible. Con todo, hai dúas cousas que si que podemos ir facendo, e máis dende un país coma o noso, relativamente afortunado entre a longa cantidade de desastres que están por vir: podemos loitar para que os efectos do cambio climático non vaian a máis e podemos preparar a nosa terra para o intre en que sexa preciso acoller aos centos de milleiros de refuxiados que virán das zonas máis afectadas.
Isto que semella o argumento dun filme apocalíptico constitúe para unha boa cantidade de científicos de todo o mundo un xeito de aceptar a realidade e asumila da mellor vía posible. Por certo que entre estes especialistas atópase o británico James Lovelock, que está estes días en Santiago para intercambiar experiencias coa comunidade científica galega e, tamén, para recibir o Premio Fonseca de Comunicación da Ciencia 2009 que convocan a Universidade e o Consorcio compostelán e que na súa primeira edición foi dar a Stephen Hawking pola súa achega á divulgación da ciencia.
Lovelock (Hertfordshire, 1919), un dos grandes pensadores do noso tempo na cuestión medioambiental e nas consecuencias do fluxo de CO2 á atmosfera derivado da queima de materiais fósiles, reunise na mañá deste martes 6 de outubro cos medios informativos co obxectivo de desvelar algúns dos froitos da súa experiencia contribuíndo a espertar a conciencia medioambiental no mundo. Amais, tivo palabras para definir o caso galego (como nos van afectar as peores consecuencias do cambio climático?, que poderemos facer para minimizalas) e situalo na vaga de desastres que de xeito inevitable (posto que o CO2 xa está no aire e non podemos facer nada por facelo desaparecer) está por vir.
Ao seu xuízo, tanto os galegos como os británicos, os irlandeses e todos os habitantes do que hoxe se define como franxa de clima oceánico europeo poden considerarse a si mesmos afortunados. En boa medida, porque seguirán a gozar do efecto regulador do Atlántico, que manterá a todas estas áreas “refrixeradas”. Porén, engadiu, o problema non vai ser a calor, senón a ausencia de comida: “Cómpre ter en conta que o resto de Europa será no futuro unha gran extensión do Sáhara, polo que a falta de alimentos básicos será un problema grave que entre outras consecuencias rematará por facer a vida imposible. Polo tanto, é responsabilidade das zonas menos afectadas despregar todos os esforzos posibles para dar acollida á gran cantidade de xente que acabará por vir dende este gran deserto”.
Para Lovelock, non hai dúbida de que entre os espazos que máis virulentamente van sufrir os efectos do cambio climático e a escaseza de recursos están a India, China e máis América do Norte. Sobre a pregunta de cando e como vai acontecer todo isto, Lovelock, foi todo o preciso que se pode ser cun prognóstico coma este: “Difícil saber cando ocorrerá todo isto”, comentou, “Un século? Cinco séculos?”.
Respecto á situación actual do planeta, Lovelock foi ao gran: “Temos unha pistola nas tempas e xa apertamos o gatillo. O quecemento da Terra é un proceso irreparable, e xa non hai moitas cousas que poidamos poñer en xogo para parar o proceso. O máis importante que podemos facer agora é prepararnos para sobrevivir”.
Con todo, o investigador británico non quixo dar unha sensación de fatalismo e negativismo, dous conceptos que malia o que pode parecer, apenas teñen cabida no seu pensamento sobre a Terra e sobre a vida, tan pródigas ao longo da historia de todo tipo de procesos semellantes a este no que vivimos: “Non debemos sentirnos culpables de ter estragado o planeta, xa que nós non tiñamos idea das consecuencias. O principio de todo isto estivo no intre en que alguén fixo un lume para quentarse, e ninguén lle pode achacar que fixera mal. Os que pensan que a miña visión é apocalíptica poida que non teñan razón. Isto que estamos a vivir xa pasou antes, non é nada novo. Hai milleiros de anos xa se deron sete cambios climáticos semellantes a este, situacións que trouxeron como consecuencia extincións xeneralizadas de especies e que tamén repercutiron en nós. De feito, houbo un intre na historia do planeta en que chegou a haber sobre a Terra unha cifra de unicamente un par de milleiros de persoas, das que todas e todos descendemos”.
A seu xuízo, non é o intre de entristecerse e de ficar inactivos, por moito que recoñeza que unha boa parte do mal xa está feito. Cómpre traballar para minimizar os efectos e ter en conta que Gaia (superorganismo da Terra que se autorregula) sobrevivirá sen nós: “A evolución é un continuo experimento e nós mesmos non somos máis que un novo experimento, polo que non hai que poñerse moralistas acerca da nosa responsabilidade no quecemento da Terra. Somos tan responsables dela e tan culpables como foron hai moitos anos procesos naturais como a fotosíntese, que fixo medrar considerablemente a presenza de osíxeno ata o punto de matar millóns de seres vivos”.
Ampla traxectoria
Autor da coñecida Teoría de Gaia, que postula que a Terra é como un superorganismo que se autorregula, converteuse nas pasadas décadas en líder ideolóxico e emblema do movemento medioambiental. Químico de formación, doutorouse en Medicina e entre os anos 40 e 50 desenvolveu investigación en centros pioneiros nos EE.UU. culminados na Universidade de Harvard.
Esa formación levouno a unha nacente NASA en 1961. Alí creou e desenvolveu moitos dos instrumentos usados no programa de investigación doutros planetas, con especial énfase en Marte. Precisamente na tarefa de pescudar métodos de detección de vida foi como se lle ocorreu a hipótese de Gaia.
Tamén destacou na súa faceta como inventor (moi activa na sonda Viking, a primeira enviada pola NASA a Marte), na que salienta sobre todo coa invención do Detector de Captura de Electróns, clave en cromatografía de gases para detectar trazas de compoñentes químicos no seu seo, a uns niveis indetectables por outras técnicas.
