Jeff Bezos considerado o home máis rico do mundo durante varias horas

xoves, 27 de xullo do 2017 Marcus Fernández

Durante a xornada de hoxe as accións de Amazon.com Inc. na Bolsa de New York experimentaron unha suba moi importante chegando até as os 1.083,41 dólares, para rematar finalmente nun valor de 1.046 dólares, de xeito que durante unhas 4 horas podía estimarse a riqueza do fundador da compañía, Jeff Bezos, en 92.300 millóns de dólares, superando os 90.800 millóns de Bill Gates, ou sexa, sendo considerado o home máis rico do mundo durante un breve momento.
Esta situación non só confirma o grande pulo de Amazon no comercio electrónico global e a importancia do sector tecnolóxico na creación de valor, xa que a metade dos 10 homes máis ricos do mundo son fundadores de empresas tecnolóxicas, aínda que tamén podemos destacar que o terceiro home máis rico actualmente non sería outro que Amancio Ortega, galego que pese a ter unha empresa moi tradicional, nos últimos tempos debe boa parte do seu crecemento á súa aposta polo comercio electrónico.
Nos últimos tempos Bill Gates lidera as distintas listaxes de homes máis ricos do mundo elaboradas por distintos medios de comunicación, e os breves momentos nos que persoeiros como Amancio Ortega ou Carlos Slim conseguiron superalo debeuse principalmente aos tipos de cambio, factor que fai bastante complicada unha comparación real entre a capacidade económica dos mil millonarios máis célebres, entre os que pode sorprender que xa estea en quinto posto Mark Zuckerberg, que pese tomou numerosas decisións discutidas polos mercados, pero que a longo prazo están a demostrar ser moi atinadas.

PUBLICIDADE