Kiply pechou a súa participación no Web Summit con máis de 2.500 usuarios da súa plataforma
mércores, 16 de novembro do 2016
A
empresa galega Kiply vén de
informar do remate da súa participación na Web Summit 2016, da
que informamos os días pasados dende Código Cero salientando o
importante potencial deste evento á hora de establecer ligazóns e
colaboracións entre desenvolvedores-vendedores de novas tecnoloxías,
por unha banda, e compradores, pola outra. Segundo nos contan fontes
da compañía, a súa actividade no dito evento internacional
saldouse con máis de 2.500 usuarios. Todos eles, engade a empresa
galega, tiveron ocasión de probar a plataforma de rendemento e
produtividade Kiply e, en base a isto, “xa traballan a día de hoxe
máis motivados e son máis produtivos grazas á nosa ferramenta
multidispositivo”. Pola feira celebrada en Lisboa pasaron, ademais,
máis de 50.000 persoas.
Kiply,
como lembraremos, é unha ferramenta multidispositivo que axuda aos
profesionais a mellorar o seu produtividade proporcionándolles datos
obxectivos sobre a súa actividade diaria. “O obxectivo”,
recordan os seus responsábeis, “é transformar o día a día dos
traballadores que fan un uso intensivo dos dispositivos tecnolóxicos
para desenvolver o seu traballo diario”.
Como
dixemos, na feira celebrada en Lisboa foron 2.500 as persoas que
decidiron integrar Kiply no seu labor cotián. Esta cifra de
profesionais abrangueu persoas de moi variados perfís de actividade,
dende avogados, a deseñadores e desenvolvedores pasando por asesores
e enxeñeiros, traballadores por conta libre e empregados en xeral de
PEME “preocupados por xestionar o seu tempo dunha maneira máis
eficiente”.
Segundo
informan os creadores de Kiply (a empresa do mesmo nome), “a nosa
presenza na última edición da Web Summit supuxo un punto de
inflexión para poder darmos o salto internacional e abrir novos
mercados noutros países”. Ademais, explican, “puidemos gañar
visibilidade entre os líderes do sector tecnolóxico e grandes
investidores internacionais”.