La Neurona mostra en Vigo as ferramentas para garantir o despegue das PEME

martes, 23 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

Este 25 de abril temos unha cita co emprendemento e coas metodoloxías que nos axudan a tirar o máximo proveito das nosas capacidades emprendedoras e innovadoras. Estamos a falar do evento ADN PYMES, un encontro de balde organizado por La Neurona en Vigo, no marco dunha xira estatal de 20 encontros ao servizo das pequenas e medianas empresas, os profesionais e os autónomos.
A cita galega, que se celebra no Palacio de Congresos Mar de Vigo en horario de 9.00 a 12.30 horas, achegará as claves para mellorar a toma de decisións e xestionar da maneira máis eficiente. Tocaranse cuestións de finanzas, mercadotecnia e vendas e participarán, na zona de networking, a asociación galega de empresas de novas tecnoloxías Ineo, AJE Vigo ou a Agrupación Cloud Network.
A xornada, moderada por Miguel Ángel Robles, director executivo de La Neurona, comeza ás 9.00 da mañá cun primeiro bloque financeiro onde se abordarán os retos estruturais, de financiamento e tecnolóxicos aos que se enfrontan as PEME. O desenvolvemento comercial, a xeración de vendas, a captación e a captación e mantemento de clientes como principais fortalezas das pequenas empresas conforman o bloque central da sesión, xunto coa análise da contorna dixital, os cambios que provoca e as oportunidades que abre.
O evento está patrocinado por Bankia, Correos Express, Crédito e Caución e Iberdrola.

PUBLICIDADE