Lalín adxudica a Vodafone España a posta en marcha do seu proxecto smart

mércores, 16 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello de Lalín está a apostar forte polo obxectivo smart. Quere ser unha cidade intelixente con todo o que iso implica: mellor xestión, mellor atención á cidadanía, máis comunicación, máis sustentabilidade en recursos e tráfico e máis participación. Con este fin, puxo en marcha un ambicioso proxecto que incluía un salientábel orzamento e, tamén, contemplaba a habilitación dun concurso para atopar a mellor proposta empresarial de desenvolvemento. Finalmente a iniciativa será materializada por Vodafone España, que acadou a oferta mellor valorada ao abeiro do concurso público de contratación. Terá un orzamento de 223.257 euros.
Inclúese o fornecemento e activación de sistemas de información dixitais, sistemas de control de estacionamento, redes Wi-Fi públicas e a activación dunha plataforma central de control.
O proxecto forma parte da iniciativa Lalín Ssuma 21, unha estratexia co-financiada nun 80% por fondos FEDER.
Segundo fixo saber hoxe o tenente de alcalde Nicolás González Casares, a oferta de Vodafone foi a mellor valorada entre a media ducia de propostas que concorreron ao concurso aberto de contratación. Casares compareceu acompañado do director territorial de Administracións Públicas de Vodafone España, Juan Manuel Navarro, e de Severino Castromar, responsábel de Administracións Públicas desta mesma compañía, así como do técnico municipal de Informática, Alberto Viz.
O tenente de alcalde lembrou que este contrato inclúe a posta en servizo de sistemas de información dixital, de control de aparcamento, redes públicas Wi-Fi de acceso de balde en edificios municipais e a instalación do que sería, nas súas palabras, “unha plataforma de cidade que funcionará como sistema central de xestión dos sistemas electrónicos anteriores”.
Casares definiu o actual contrato como “fundamental” e destacou que Vodafone presentou ao proceso aberto de contratación “a mellor oferta no plano técnico” e “unha proposta moi competitiva no plano económico”. En concreto, confirmou que a dita operadora mellorou no concurso ofertas de outras entidades “de enorme peso no sector”, como Telefónica, Wellness Telecom ou NEC Ibérica, polo que, segundo afirmou, “isto tamén é unha garantía para o Concello de boa execución e bo seguimento do proxecto”.
O tenente de alcalde engadiu que coa sinatura deste contrato dáse “un primeiro paso moi sólido” para avanzar no camiño de converter Lalín nunha Smart City. E explicou: “A posta en marcha da Cidade Intelixente é fundamental para avanzar na estratexia Lalín Ssuma 21 e para que se constitúan os alicerces que permitan seguir desenvolvendo iniciativas de carácter tecnolóxico que marcarán o futuro, non só de Lalín, senón tamén de todas as vilas medianas e, por suposto, das grandes cidades”.
Pola súa banda, Juan Manuel Navarro, mostrouse agradecido pola “confianza do Concello de Lalín” e pola oportunidade de participar na presentación dun proxecto que, afirmou, “conforma unha oportunidade magnífica para participar na transformación dixital de Lalín e da posta en marcha de ferramentas tecnolóxicas que van aportar unha importante mellora na calidade de vida dos cidadáns”.
Severino Castromar tamén agradeceu a confianza do Concello e salientou “o esforzo importante realizado pola compañía para desenvolver a oferta máis completa posíbel para os diferentes ámbitos de actuación”. Castromar fixo mención especial do que “se pode considerar a pedra angular do proxecto Smart City de Lalín”, que é a plataforma de cidade. Esta, sinalou, permitirá manexar as verticais definidas na iniciativa tales como as redes de Wi-Fi abertas e públicas, a cartelería informativa dixital ou a regulación intelixente do estacionamento.

PUBLICIDADE