Leti da Taberna: Enredada no humor

luns, 20 de outubro do 2025 Marcus Fernández

Leticia Miraz, máis coñecida como Leti da Taberna, é unha creadora de contidos galega que moitos coñeceron a través de TikTok, aínda que ultimamente é doado atopala en carne e óso bastante preto das nosas vivendas, xa que anda xirando por todo o país co seu monólogo Enredada. Leti acumula 30.600 seareiros en TikTok (con vídeos que superan as 100 mil reproducións) e 55.271 seareiros en Instagram (onde abriu canle de difusión e supera en bastantes ocasións as 300 mil reproducións), aínda que o volume de reproducións dos seus contidos é sobradamente superior ao do seu número de seguidores.

– Vale, pero entón xa un pouco en fariña, que foi o que te levou a publicar vídeos en redes sociais?
– Aburrimento. Aburrimento pandémico. Empecei a ver contido de outras persoas en TikTok e que non era un contido de baile. Eran os típicos que se denomina lip sync, que é como dobraxe de voz. Entón comecei facendo as miñas propias dobraxes e pois dixen: "prefiro ter eu algo que dicir". E naquel momento tampouco había moita xente que o fixera en galego. Tampouco foi algo moi premeditado, para min foi bastante normal porque é a miña lingua de comunicación, pero creo que iso tamén foi unha vantaxe, a pesares de que moitas veces o discurso que se vende na contra. Di que "vas a chegar a menos xente", pois eu creo que para min incluso foi un punto a favor inicialmente, e despois porque supoño que tamén chegaba á xente, claro.

– E contabas con que chegara a tantísima xente?
– Que va, non. De feito, a primeira vez que un vídeo tivo moitísima repercusión foi como... abrín o Facebook un día, de aburrimento, empecei a ver a miña cara en todas partes e que se empezara a compartir o vídeo en grupos de "Somos de Galicia", e grupos xa con moitísimos miles de persoas. Chegou un momento que vin que se me ía das mans e foi como: "Ui, para". Porque o que eu estou subindo aquí, que lle falas á cámara do móbil como se fora un amigo e ti non ves a xente, ten alcance e chégalle á xente. E aos meses xa me chamaron para algún programa se podían poñer os meus vídeos e dixen: "Pois si que está chegando, eh?".

–Chegas a facerte unha idea de ata onde chegan os vídeos? Porque Instagram e TikTok dan estatísticas, pero os teus vídeos non rulan só nas redes sociais senón que tamén se mandan por WhatsApp unha barbaridade.
– Eu todo iso non teño control e aínda prefiro non telo. Prefiro non telo control, porque abafaríanme moito máis as cifras. Algún vídeo dos que subín ultimamente acadou 500.000-700.000 visualizacións só en Instagram, sen contar logo todas as compartidas; algo preto en TikTok; e en Facebook tamén estou medrando, un pouco tarde, pero moito; e non, chega un momento que non levas a conta. Pero xa che digo que creo que para miña cabeza é mellor así.

– E logo moitos pensan que simplemente con ter reproducións, que xa se vive, que xa se cobra.
– Non se vive das redes sociais para nada. O único que percibimos é cando nos contactan para facer algunha colaboración xa sexa de marca (que tamén quero aproveitar para dicir que as marcas galegas estamos aquí, ou sexa, estamos aquí, queremos traballar con vós) e despois pois algunha colaboración con algunha cousa, pero que as propias aplicacións de por si non pagan. Creo que tes que ter mínimo 100.000 seguidores, a partir de aí non sei como será, e a min aínda me falta para chegar. Case os teño, pero por separado non contan. Empecei a monetizar agora en Meta, pero é unha cuestión de, non sei, non chega a 50 euros ao mes. Non che dá para vivir, e de feito do que vivo é dos monólogos.

– E precisamente sacar proveito económico de todo isto é moi complicado, hai que buscarse a vida no mundo real, non?
– Efectivamente. Ou sexa, eu todo isto empeceino facendo en pandemia parada, tiven que volver a un mundo laboral e aí está o sacrificio de seguir facendo contido, moitas veces que moita xente non o vexa, e ser constante e seguir, seguir, seguir. Porque eu creo que moita xente o que quere é acadar un resultado óptimo moi axiña e ve que non se viraliza axiña e baixan, e paran.

– Unha cousa que vemos agora é que se tes éxito nas redes sociais e empezan a chamar da radio, da televisión... Non é un pouco o mundo ao revés, que o medio do futuro che estea levando aos medios do pasado?
– Aos medios tradicionais. De feito vimos de ver que a CRTVG acaba de cambiar o nome a CSAG, porque agora as redes, comezando pola da galega, por suposto, pois tamén son un medio de consumo, son un medio de chegar á xente, e é o que toca. E si que creo que ao final tivéronse que como que render un pouco a nós e ver que temos que convivir. Ao principio sentíame un pouco impostora. Xa me sinto sempre, pero sentíame un pouco impostora nos medios de comunicación. Son unha persoa que non estudou xornalismo, pero creo que hai capacidades comunicativas que non se estudian nas carreiras, e se lle chegas á xente e defendo ben o meu traballo, pois intentarei seguir facéndoo así.

– E a túa primeira grande xira de monólogos, Enredada, precisamente ten que ver con todo este fenómeno das redes.
– Si, de feito xurdiu por xente que me coñecía de redes. Unha muller que me seguía, que estaba levando a normalización lingüística duns concellos, contactoume no seu día. Creo que lle pediu o teléfono a Fran da Lobeira Today para poder falar comigo para a ver se podía facer un monólogo. E chamoume, eu lembro perfectamente, estaba no descanso da comida da tenda de viños na que traballaba en Melide, e díxome: "Fas monólogos?", díxenlle: "Si". Fixera algún, dalgún bar ou de cando estaba estudando, pola broma, pero non era a miña profesión. E díxenlle que si toda chea, e dixo: "Pois tes cinco meses para vir a Ferrolterra". E escribín un texto e as ideas iniciais todas xurdiron de vídeos que se viralizaron no seu momento. Logo xa fun practicando a escrita. Fixen eses dous, gustoume moito e dixen: "Eu quero seguir dedicándome a isto". Preparei un dossier, mandeino aos 313 concellos de Galicia. Estará por aí nas caixas de correo dos concellos, supoño, porque agora me están chamando por outro lado. E empecei a mandalo tamén a distribuidoras e tiven a sorte (estou moi agradecida, vai ser sempre así) de que Cultura Activa confiara en min cando eu non fixera nunca ningún monólogo.

– E agora que podemos esperar, que cada certo tempo lances unha xira renovada de contidos ou que vaias máis como outros monologuistas tradicionais, de que en cada sitio que van pois soltan un repertorio un pouco diferente?
– Enredadas non é sempre o mesmo, porque é un texto que podería encher hora e media, hora e 40, o monólogo é de unha hora, entón teño para recortar, non é exactamente sempre en tódolos lados. Ao final sempre se improvisa, aínda que non son a típica cómica que fago traballar o público. Traballo eu, pero si que improviso con eles. E vou estrear un monólogo xa. Vou estrear o segundo que me dixeron, "coma non vaias con tanta presa que podemos seguir espremendo este". Enredada seguirá xirando, pero vou estrear o novo que se chama Jastac Japi Jolidais, pero con J, que sei que non existe, e normalización lingüística e a RAG vanme tirar das orellas, pero é pola broma das redes sociais, que é onde comecei. O primeiro bolo xa está axendado, o segundo tamén.

– E xa que falamos das redes, como é a relación con outros influentes? Realmente existe comunidade dentro dos creadores galegos ou o normal é a emigración dixital, (facer os contidos para fóra)?
– Home, non quedamos para a cear tódolos días. Si temos trato, ao final acabas coincidindo en eventos, aquí tampouco somos tantas persoas. Temos a sorte de que hai moi bo ambiente. Que nos levamos moi ben, polo menos por agora. Ao mellor a medida que vaiamos aumentando os seguidores xa nos vamos uns a outros, pero de entrada hai moi bo ambiente. Teño colaborado con xente, hai xente coa que xa ao final tes trato persoal porque cadras, con Sara Seco traballo moito, con Prado Rúa traballo moito, con Gabi teño unha relación tamén de moito cariño porque comezamos os dous ao principio, somos dos máis veteranos. Téñolles moito cariño. E máis xente que me vou esquecer e que vou quedar aquí fatal, pero si, hai boa harmonía.

– E que podemos esperar das túas redes no futuro? Centrarte máis en Instagram que no resto?
– O vídeo sempre o subo antes a TikTok, aínda que sexa 10 minutos antes. Sempre se vai subir primeiro a TikTok porque é onde comecei e quero seguilo facendo así. E pensei en abrir YouTube para ensinar un pouco máis o que hai detrás de cámaras, porque creo que non se está facendo moito, supoño que á xente lle atrae ver os making-off e sobre todo o que hai detrás de bambolinas cando vamos aos teatros. Xa abrín a páxina, empecei a decorala, pero non comecei a subir contido. E despois vai ser todo moi orgánico. É que non hai moita premeditación no meu contido, e eu creo que á xente tamén é o que lle chega. Son cousas da actualidade, pensamentos do momento. Si que se anotan ideas, pero ao final é darlle voz a cousas que todos pensamos e iso supoño que seguirá sendo así sempre.