Lingua@net Europa: case 3.900 recursos para aprender en liña outros idiomas
venres, 11 de marzo do 2011
Que queremos aprender outro idioma ou mellorar
o que empregamos decote e non sabemos por onde tirar? Internet, neste e noutros
sensos, semella unha boa porta na que petar, tanto pola cantidade dos recursos
dispoñibles como, cada vez máis, a calidade. O panorama é amplo e está en
constante desenvolvemento, pero de tódolos vistos estes días reflectidos na
Rede quedámonos co proxecto Lingu@net Europa,
reflectido en
Chuza!, e que como dixemos xa hai uns anos consiste nun servizo en liña para a aprendizaxe de linguas que
xa anda a rentes dos 3.900 recursos dispoñibles, algúns dirixidos á aprendizaxe
dunha lingua no seu nivel básico, outros encamiñados “a aprender a aprender” e
outros a avaliar o nivel que se teña de coñecemento dunha lingua.
A iniciativa, que conta co apoio directo de
dúas ducias de entidades de 20 países europeos, xurdiu co obxectivo de reforzar
e aumentar as ferramentas dispoñíbeis para o achegamento a outros idiomas, ao
tempo que se crea o escenario máis idóneo para a incorporación de novas
culturas e identidades a promover.
A web, que está dispoñíbel no galego da RAG e
en galego-portugués, vén a ser un centro multilingüe dixital (aberto a tódalas
linguas posibles) que fornece á comunidade internauta de servizos previamente
certificados na súa calidade. Entre as opcións que se inclúen de acceso figuran
as seguintes: alemán, éuscaro, catalán, dinamarqués, estonio, finés, francés,
galego, castelán, grego, holandés, inglés, islandés, italiano, lituano, maltés,
polaco, galego-portugués ou sueco.
O proxecto, na súa orixe de gran utilidade
para os profesionais do ensino, pretende ser agora unha comunidade aberta a
todo tipo de demandantes. Arestora, conta co apoio orzamentario da Comisión
Europea a través do Programa Sócrates, investimentos que están a servir para
abranguer máis linguas nos seus servizos, incrementar o número de recursos e
dar apoio a adultos que queiran aprender novos idiomas. O Lingu@net Europa é de
balde e fica accesíbel para a achega colectiva de recursos que poidan ser
incorporados. Por puntos, a páxina de entrada neste portal ofrécenos as
seguintes opcións:
· Unha análise das competencias lingüísticas
de cada quen, achegándonos formas de avalialas.
· Vieiros novos e personalizados para aprender
idiomas.
· Participación e comunicación con outros
alumnos a través dun chat e outras canles.
· Materiais para a aprendizaxe e o ensino dunha longa listaxe de linguas.