Chegan a España os Samsung Galaxy S10 Lite e Note10 Lite
martes, 4 de febreiro do 2020
Hai preto dun mes presentáronse
os smartphones Samsung Galaxy S10 Lite e Note10 Lite, como unha alternativa
aos móbiles insignia da marca surcoreana, que conseguían reducir o seu prezo
grazas á realización de pequenas concesións e finalmente confirman
a súa chegada oficial a España, de xeito que poderemos adquirir o Galaxy
S10 Lite por un prezo recomendado de 659 euros, mentres que o Galaxy Note10
Lite venderase por 609 euros, facendo máis accesible a adquisición dun
smartphone con S Pen.
Aínda que estamos ante teléfonos moi semellantes en prestacións (ambos teñen
pantalla de 6,7 polgadas, 128 GB de almacenamento interno e batería de 4.500
mAh), son o suficientemente diferentes como para que un usuario poida
decantarse por un ou outro segundo o uso principal que vaia dar ao mesmo, de
xeito que Galaxy S10 Lite está máis enfocado para fotografías e tarefas esixentes
(como xogos, xa que conta cun procesador máis potente e 8 GB de RAM e a cámara
principal é de 48 Mpíxeles) mentres que o Galaxy Note10 Lite sería máis
recomendable para produtividade, grazas ás posibilidades que abre o uso do lapis
dixitalizador.