Lolo Rey impartirá en Santiago un innovador curso de marketing para móbiles

luns, 23 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

Cando collemos un teléfono de última xeración estamos collendo unha xanela ao mundo. Isto téñeno cada vez máis claro as empresas e, dentro delas, as dedicadas ás novas estratexias de publicidade e promoción. O marketing, ao abeiro destes aparellos, adquire novos camiños de expresión e desenvolvemento. Dar conta deles, en detalle, é un dos grandes obxectivos do Curso de Marketing Móbil que organiza en Santiago a Asociación Galega para a Formación do Sector Publicitario. A cita será o 5 de maio e inclúe unha parte teórica (mostra de campañas) e unha práctica (uso dunha ferramenta para darlle forma a unha campaña, dende a orixe até a súa aplicación).
Segundo fai saber a asociación responsábel deste evento, o curso baséase nunha realidade do noso tempo: as máis de 50 millóns de liñas telefónicas activas arestora no Estado español e o importante número de usuarios con acceso a Internet, unhas cifras que non paran de medrar. A cuestión, engaden, é como chegar a estes usuarios a través dos devanditos dispositivos? A xuízo da asociación, malia que o marketing móbil é hoxe unha ferramenta indispensable en calquera campaña publicitaria, é importante que nos fagamos a seguinte pregunta: implantáronse este tipo de estratexias en Galicia coma no resto do mundo? E tamén: usan os nosos anunciantes e axencias este recurso tan importante? O curso en cuestión vai dirixido, precisamente, a dar resposta a estas e outras preguntas semellantes, pero complementándoo todo cunha vertente moi práctica.
A actividade formativa ten especial potencial para profesionais do sector do marketing e a publicidade que desexen descubrir as moitas posibilidades que ofrece esta estratexia de promoción á hora de promover produtos ou mellorar a imaxe corporativa de calquera institución, “un valor engadido obrigado no novo contexto publicitario”, sinálase.
Por certo que o docente da actividade é Lolo Rey, especialista en tecnoloxías móbiles e que conta cunha ampla experiencia en desenvolvemento de ferramentas multiplataforma e campañas de publicidade a través dos devanditos aparellos. Lolo Rey é o responsábel da empresa galega LoroEstudio, firma que ao longo dos seus sete anos de vida recibiu unha manchea de recoñecementos e premios polo seu labor innovador e polo importante exemplo creado, tecnolóxico-empresarial, para as empresas do país que viñeron despois. O curso celebrarase na sede da asociación no 42 da rúa Rosalía de Castro.

Programa
Parte teórica. Mostra de Campañas.
-Qué consideramos marketing móbil? Cómo unha simple VCard nun código QR convértese en MMK?
-Fundamentos básicos que se deben ter en conta á hora de crear unha estratexia de marketing móbil.
-Que se pode facer? Tecnoloxías, tipos de marketing, distribución (ADMOB, markets, sms, QR, Social Media)
-Mellor APP ou Web APP?
-Tipo de campañas nacionais e internacionais. Que tipo de contidos e tecnoloxías utilizan?
-Que non nos enganen: mitos e medias verdades sobre a realidade do marketing móbil.
-Ferramentas e plataformas existentes para o desenvolvemento de marketing móbil (que non é o mesmo que desenvolvemento de aplicacións).
Parte práctica. Uso dunha ferramenta a través da que se montará unha pequena acción de promoción.
-Explicación da práctica: deseño e distribución dunha aplicación interactiva a través de códigos QR, de SMS, e de redes sociais.
-Deseño da interface de usuario: formatos de imaxe
-Estrutura da aplicación
-Xeración de versión para distintos modelos. Vista en emulador e corrección.
-Personalización da distribución. Onde aplico cada posibilidade?
-Obtención de estatísticas de descarga. Cando e dende onde se descargaron a nosa aplicación?
-Uso de números de móbil para posteriores accións de marketing vía alertas SMS.
-Xeración de informes de resultados. Dous conceptos básicos: Ratio de Apertura e Ratio de conversión.

PUBLICIDADE