Lorenzana visita a sede de Teimas e destaca o potencial do programa Investigo
venres, 24 de febreiro do 2023
A
Consellería de Promoción e Emprego e Igualdade compartiu este
venres 24 de febreiro os detalles do programa Investigo, iniciativa
laboral xuvenil que conta este ano cun orzamento de 9,1 millóns, que
se destinarán a achegar axudas á xente nova. Estes apoios, en
termos máis concretos, diríxense á contratación de persoas mozas
demandantes de emprego para levar a cabo proxectos en calidade de
investigadoras, tecnólogas, persoal técnico e outros perfís
profesionais en I+D+i. Os detalles foron achegados pola conselleira
María Jesús Lorenzana.
Lorenzana
puxo en valor esta iniciativa na visita que realizou á empresa
Teimas Desenvolvemento, en Santiago de Compostela, beneficiaria
destes apoios en 2022, cando arrancou por primeira vez esta actuación
da Consellería. Con estes apoios, a Administración autonómica
financia os custes laborais e salariais, incluíndo os gastos de
cotización por todos os conceptos á Seguridade Social.
Investigo,
sinalou, forma parte dun proxecto máis amplo, o Plan Emprega
Xuventude, que con 30 millóns de orzamento este ano está dirixido
en exclusivo a impulsar o emprego entre a mocidade galega, en
concreto, estímase a contratación de máis de 2.000 mozas e mozos
en 2023 a través dos apoios do Plan.
“Co
programa Investigo apostamos pola xeración de emprego xuvenil en
Galicia no eido da investigación, a tecnoloxía e a innovación”,
apuntou Lorenzana, quen engadiu que a iniciativa pon o foco no
talento da xuventude e favorece o seu acceso ao mercado laboral da
man de empresas comprometidas.
De
todo o devandito puxo como exemplo a firma Teimas Desenvolvemento,
que basea o seu labor na dixitalización da cadea de valor do
residuo, é dicir, a través de solucións tecnolóxicas axudan ás
empresas no seu avance cara a economía circular e a
descarbonización, contribuíndo, deste xeito, á potenciación dos
recursos naturais e da saúde das persoas.
