Luarca alíase con Microsoft para pór na nube unha guía elaborada polos veciños
mércores, 26 de xuño do 2013
Microsoft e o Concello de Luarca-Valdés
(Asturias) amosaron esta semana unha guía turística elaborada de
xeito integral pola propia veciñanza. José Modesto Vallejo, alcalde
de Luarca-Valdés e María Garaña, presidente de Microsoft Ibérica,
foron os encargados de expor as funcionalidades e características
desta guía, á que cualificaron de “recurso con
personalidade única”. Amais disto, agradeceron a
participación persoal dos máis de 7.300 veciños que colaboraron
(directa e indirectamente) para realizar Luarca Comparte Luarca a
través de Microsoft Office. A iniciativa desenvolveuse baixo o
seguinte lema: Ninguén coñece Luarca e o seu concello mellor que
un luarqués. Baixo esta idea, o goberno local e a Asociación
Valdés Participa promoveron unha alianza con Office para dar a
coñecer os múltiples atractivos da vila costeira e a súa contorna.
Como dixemos, a
iniciativa coñécese finalmente como Luarca Comparte Luarca.
O desenvolvemento da mesma precisou tres semanas de traballo intenso,
con veciños de tódalas idades (despois dunha sinxela formación)
compartindo os seus segredos nun documento de One Note de Office
aloxado en Skydrive. A guía resultante, sinalouse, puído ser
consultada e modificada desde calquera dispositivo (PC, móbil,
tablet, ultrabook, etc), por ata 300 persoas de forma
simultánea. O obxectivo final deste traballo ombro con ombro: dar a
coñecer a vila asturiana a través da nube, chegando a impactar en
máis de 5 millóns de potenciais turistas. Para isto, contouse co
labor directo de máis de 470 autores e 700 entradas ao documento,
amais de 200 fotos e 56 seccións. O resultado deste traballo
colaborativo desenvolvido a través de Microsoft Office orixinou a
guía turística que se presentou esta semana en Luarca.
