Lugo aposta polas TIC para o seu plan de inserción laboral xuvenil

luns, 24 de xullo do 2017 Redacción

A concelleira de Economía e Emprego Ana Prieto nunha rolda de prensa recenteO Concello de Lugo vai impulsar o emprego TIC na cidade e na súa contorna a través, precisamente, de formación TIC. Así o deu a coñecer os días pasados a concelleira de Economía e Emprego, Ana Prieto, a conto do anuncio da consecución de máis de 644.000 euros da Unión Europea por parte da Administración local, destinados a favorecer a través da formación a inserción laboral de 150 mozas e mozos menores de 30 anos. Con estes fondos (o 91% procedente do Fondo Social Europeo e o 8,2% restante do Concello) fortalecerase o plan Empregalia, cuxo obxectivo é “subministrar á mocidade en paro de Lugo os coñecementos, destrezas e instrumentos que melloren a súa empregabilidade e lles faciliten o acceso ao mercado laboral ou o desenvolvemento de proxectos de emprendemento”. O proxecto abrangue itinerarios formativos nos sectores de meirande proxección: as novas tecnoloxías, o turismo e o lecer, a saúde e o benestar.
Por certo que para a elaboración da proposta e a elección das accións formativas contouse con asociacións de persoas con diversidades funcionais ou cognitivas e organizacións sen ánimo de lucro, pois “se persegue tamén que as persoas con maiores dificultades de acceso ao emprego teñan a oportunidade de formarse e mellorar a empregabilidade”.
O plan de inserción laboral Empregalia inclúe finalmente 10 accións formativas, entre as que se inclúen contidos marcadamente tecnolóxicos. Por exemplo a acción formativa para a aplicación e o manexo de sistemas aéreos non tripulados (RPA ou drones), que servirá de porta de acceso para o exame da obtención dos certificados básico e avanzado oficiais de Piloto de RPA, expedidos pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea. Tamén haber actividades sobre operacións de gravación e tratamento de datos e documentos e sobre confección e publicación de páxinas web. O programa complétase cunha manchea de obradoiros sobre horticultura, socorrismo, cociña, saúde ou lecer.

PUBLICIDADE