Lugo e a Fundación Telefónica formarán á mocidade local en ciberseguridade

martes, 17 de outubro do 2017 Redacción

O Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo, o corazón dixital do casco vello, vai acoller as semanas vindeiras o primeiro curso sobre ciberseguridade que a Fundación Telefónica celebra na nosa terra. Así o deron a coñecer hoxe a alcaldesa Lara Méndez, o director de Relacións Institucionais e Coordinación Territorial da fundación, Joan Cruz, e a directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez. Segundo explicaron, o obradoiro ten aberto o prazo de inscrición, é de balde e conta coa colaboración do Concello. Ademais, engadiron, é “o primeiro destas características que celebra a Fundación Telefónica en Galicia”.
No acto, no que tamén estivo presente a Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, a rexedora lembrou as vantaxes da formación TIC para mellorar as nosas opcións laborais e recordou tamén o compromiso do Concello coa creación de emprego (con axudas directas á contratación ou fomentando o emprendemento), facendo fincapé no feito de que nos pasados meses de xullo e agosto o Concello acadase máis dun millón de euros para catro proxectos de fomento de emprego, “que beneficiarán a máis de 200 lucenses”. Entre estes proxectos atópase o obradoiro TIC Arqueolóxico ou Lugo Cóidate, dos que falamos xa en Código Cero, salientando as posibilidades de formación que poñen en xogo.
Sobre o curso de ciberseguridade presentado hoxe, a alcaldesa dixo que “supón unha alternativa máis para o Edificio de Novas Tecnoloxías”, no que o Concello ofrece, para o que queda de ano, 14 cursos gratuítos con máis de 200 prazas; facturación electrónica, iniciación ás redes sociais, deseño web, mercadotecnia dixital, creacións de aplicacións móbiles ou retoque fotográfico.
Pola súa banda, Menéndez agradeceu o “cariño e cooperación do Concello” con esta iniciativa, que se enmarca dentro dos proxectos educativos, sociais e culturais que ofrece Telefónica nas comunidades onde está operando, a través da iniciativa Emprego Dixital.
Tal e como explicou Joan Cruz, neste curso poderán participar mozos e mozas de Lugo de entre 18 e 35 anos, que terminaran os estudos da ESO, non sendo precisa formación previa en novas tecnoloxías. O obxectivo, dixo, é “que as persoas inscritas adquiran coñecementos e habilidades que lles permitan incorporar as competencias do mundo da ciberseguridade, unha das especializacións técnicas máis demandadas e con máis futuro no mercado laboral actual”. Tamén engadiu que se trata “dun itinerario formativo nexo de unión entre a demanda real de empresas e o sistema educativo”. Inclúe formación teórico-práctica, coa participación de expertos no sector, en temas como o hacking ético, técnicas de proteccións para infraestruturas, contramedidas, entre outras. A maiores, inclúe formación en habilidades para a empregabilidade, como desenvolvemento de intelixencia emocional, traballo en equipo ou como realizar unha entrevista de maneira efectiva.
O curso arrincará o 11 de decembro e terá lugar no Edificio de Novas Tecnoloxías, en horario de mañá, de 08:30 a 14:30 horas. Durará 5 meses e, como colofón á formación, as persoas participantes poderán presentar os seus proxectos ante as empresas tecnolóxicas máis punteiras da nosa terra.
Todas as persoas interesadas en inscribirse deben facelo na páxina web de Fundación Telefónica, no apartado de empregabilidade, ou ben a través da páxina web do Concello, www.lugo.gal.

PUBLICIDADE