Lugo formará a desempregados en arqueoloxía TIC

mércores, 2 de agosto do 2017 Redacción

Un dos recantos do Vello Cárcere de Lugo nunha imaxe de Carmen García-Rodeja vista en Praza.gal

O Concello de Lugo vén de informar da consecución de dous obradoiros de emprego para impulsar as posibilidades de inserción laboral de 31 persoas no paro. As dúas actividades formativas, dous proxectos presentados polo Goberno local á convocatoria de obradoiros da Xunta que finalmente saen adiante, son TIC Arqueolóxico e Lugo Cóidate. Os talleres foron dados a coñecer pola concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, quen informou de que contan con preto de 360.000 euros de orzamento e de que ambas accións formativas arrancarán a finais de setembro. O obradoiro TIC Arqueolóxico, con 224.000 euros de orzamento, ten como obxectivo a posta en valor e comunicación do patrimonio arqueolóxico de Lugo a través das tecnoloxías da información e a comunicación.
Ademais, diríxese a facilitar a formación de 16 desempregados maiores de 18 anos, fornecéndoos de coñecementos para a súa posterior inserción laboral e, ao mesmo tempo, impulsar a actividade no Vello Cárcere, centro que segundo lembrou a edil, conta precisamente cun espazo adicado á arqueoloxía.
Segundo a proposta municipal, aprobada integramente pola Xunta, este obradoiro terá unha duración de 9 meses e desenvolverase no devandito recinto penitenciario rehabilitado. Entre as actuacións principais que abrangue atópase a dixitalización en 3D de bens móbeis e inmóbeis do patrimonio histórico e arqueolóxico do municipio, a elaboración de diversas programacións culturais para desenvolver no Vello Cárcere e a creación dunha canle cultural.
Polo que atinxe ao outro obradoiro que porá en marcha o Concello, trátase do Lugo Cóidate, cun importe de 135.000€, 6 meses de duración e 15 beneficiarios, neste caso, menores de 30 anos. Ofrecerase formación e traballo no coidado e atención de persoas maiores, dependentes e nenos e nenas.
Os dous devanditos talleres súmanse aos programas de emprego que ten en marcha o Concello: Inicia Coworking, Mellora Lugo e (Con) trato feito!, e ao Empregalia, que vén de acadar.

PUBLICIDADE