Lugo estrea casa das novas tecnoloxías

venres, 24 de marzo do 2017 Redacción

Entrada ao Centro de Novas Tecnoloxías de Lugo nunha imaxe de La Voz

Estes días o Concello de Lugo ten preparada para a cidadanía unha gran novidade TIC: o Centro de Novas Tecnoloxías emprazado nun inmóbel lindeiro coa sede consistorial e con acceso dende a praza Anxo Fernández López. Trátase dun gran espazo aberto de conexión e dinamización tecnolóxico-dixital que conta con 36 computadores ao dispor dos veciños e unha manchea de ferramentas para tirar o máximo proveito das vantaxes da Sociedade do Coñecemento. Esta “casa das tecnoloxías”, como se lle chama xa nalgúns círculos, inaugúrase hoxe mesmo e a partir da semana que vén estará plenamente operativa con Internet, acceso sen fíos Wi-Fi, programas informáticos de uso común e outros servizos. E todo co engadido de ser libre, aberto e de balde.
O horario será de 10.00 a 13.00 horas polas mañás e de 16.00 a 21.00 polas tardes. O centro está emprazado, como dixemos, nunha casa lindeiro co concello, un inmóbel anexo que foi habilitado (previamente demolido pero respectando certas estruturas da época romana) para sacarlle punta ás TIC. O orzamento das obras foi de 350.000 euros aos que hai que cómpre engadir os preto de 590.000 que foron precisos para a expropiación, indemnización, demolición e prospección arqueolóxica.

PUBLICIDADE