Máis de 100 estudantes e profesores participarán en Silleda no hackathon pola convivencia de EpDLab

luns, 1 de abril do 2024 S. P.

Máis de 100 alumnos e alumnas e docentes de toda Galicia participarán o vindeiro xoves día 4 de abril no Auditorio de Bandeira (Silleda), nun encontro creativo para reflexionar e promover prácticas de convivencia positiva e bo trato nos centros educativos. A cita vén da man do laboratorio EpDLab, proxecto de educación mediática, innovación didáctica e cidadanía global que pon o foco na aprendizaxe entre iguais e por proxectos e en facilitar que a mocidade de lugares diversos de Galicia interactúe en actividades creativas e educativas como por exemplo o devandito hackathon.
Segundo explican, o encontro terá o formato clásico de hackathon. Será pois un evento no que, nun breve espazo de tempo, un grupo de persoas intentarán crear solucións para unha problemática dada. “O hackathon de EpDLab”, explican, “achegará un espazo dinámico para que o alumnado elabore solucións creativas para problemas comunitarios”. Seguindo un itinerario de actividades, os e as participantes traballarán en equipos para reflexionar e crear contidos dixitais ao redor da convivencia e do respecto mutuo na súa contorna e na sociedade en xeral.
O programa do evento, que se estenderá dende ás 11h ata ás 17h, será o seguinte:
11h Benvida e presentación da actividade, coa presenza da alcaldesa de Silleda, Paula Mª Fernández Pena, e da concelleira da Área de Benestar, Ángela Troitiño Gil.
11.30h Traballos en grupos intercentros: coñecemento e interaccións sociais, deseño.
12h Descanso e foto grupal.
12h30 Creación de contidos audiovisuais e dixitais
14h15 Xantar.
16h00 Mural Común de Coñecementos.
16.30h Exposición e proxección de resultados no salón de actos.
17h00 Saída buses
Este alumnado participa durante todo o curso 23-24 en EpdLab, un proxecto de innovación educativa que ven desenvolvendo a Asociación Galega de Comunicación Social (AGARESO) dende 2015 en centros de toda Galicia, e que traballa temáticas como as migracións, o medio ambiente, o consumo responsábel, a veracidade das mensaxes e as loiadas (fake-news), a cooperación internacional, o voluntariado e o activismo a través da educación mediática.
Todos os produtos creados, así como o proceso de creación dos mesmos, “servirán para coñecer a visión de futuro da mocidade galega, representada por estes grupos procedentes de cinco institutos diferentes”, explican dende o laboratorio creativo, engadindo que EpDLab está deseñado e desenvolvido por AGARESO e financiado por Cooperación Galega. Este evento conta coa colaboración do Concello de Silleda e da Sociedade Deportiva Bandeira.

PUBLICIDADE