Máis de 2.000 persoas participaron en Santiago no Día do Emprendedor máis anticrise e máis redeiro
martes, 19 de maio do 2009

- Asistentes ao encontro recollendo as súas acreditacións
Entre empresarios e futuros empresarios o Pazo de Congresos de Santiago rebordou real e virtualmente de participantes na xornada de celebración do Día de Emprendedor en Galicia que se desenvolveu este martes 19 ao longo de toda a mañá. Segundo datos achegados pola organización, o IGAPE e BIC Galicia (en colaboración co Ministerio de Industria), a cifra de público foi alén dos números do ano pasado: conseguiuse que concorreran máis de 2.000 persoas, das que arredor de 400 eran estudantes á procura de retos empresariais ou con cadanseu reto a piques de coller corpo. Alén do incremento de participantes, no evento tamén se puído rexistrar un máis que notorio medre da presenza do tecnolóxico-dixital: relatores procedentes de empresas directamente ligadas á cuestión (como Google ou as firmas galegas Visual MS e Bit Oceans) e conferenciantes de compañías indirectamente vinculadas ás novas plataformas (practicamente, todas as restantes empresas). Asemade, houbo accesos á Rede, obradoiros sobre como apoiarse na Internet para dar forma a unha empresa e encontros con especialistas en comunicación en liña dos que adoitan a encher auditorios físicos e virtuais. Por exemplo: o blogueiro e investigador galego Enrique Dans ou o empresario Carlos Barrabés, responsable da firma Barrabes.com, un dos exemplos máis salientables de tenda virtual de éxito posta en marcha dende un lugar afastado de calquera outro lugar: a localidade de Benasque no Pirineo de Aragón.
Por certo que tanto Barrabés como unha boa parte das persoas reunidas no encontro, foran público inscrito ou conferenciantes, coincidiron na necesidade de quitarlle ferro á crise e combatela con aquilo que precisamente lle é contraria: o espírito emprendedor.
Nesta vontade de activar o eido económico e produtivo con “ideas e bos equipos” é onde se situou tamén o conselleiro de Economía, Javier Guerra, quen estivo nas celebración do Día do Emprendedor para animar aos responsables de compañías en activo a seguir o camiño da innovación, e aos empresarios do mañá a non dubidar sobre a comenencia ou non de botarse ao mercado. No punto de contribuír a ver posible o que pode aparentar imposible (competir nun eido cada vez máis competitivo) insistiu Pedro Moneo, fundador de Opinno, rede mundial especializada en favorecer o encontro e colaboración entre emprendedores e investidores e que lle serviu de apoio para lanzar, logo da experiencia adquirida, a seguinte receita a proba de fallos: se queremos financiamento, nada mellor que volver o máis visual posible a rendibilidade. Asemade, recomendou apostar pola internacionalización en termos diferentes ao que se coñece como exportación de produtos, xa que o talento e as ideas son hoxe en día igual de importantes, ou máis, ca eses produtos. Contra a crise e salientando as oportunidades paradóxicas de negocio que esta achega tamén se situou Antonella Broglia, colaboradora do think tank de Infonomía. Durante o seu relatorio, un dos máis celebrados de toda a xornada, quixo escorrentar a idea de que hai atrancos en materia de produción que non se poden salvar. Todo é reinventable, dixo, ata a crise, unha circunstancia que tamén se expresa, aínda que en ocasións non saibamos interpretala, e que neste intre, de acadarmos unha boa sintonía, descubriremos que non está a dicir o que pensabamos que está a dicir: a súa mensaxe real é que se fagan cousas en troques de desfacelas ou ficar na inactividade.
A relatora falou neste punto dos empresarios sociais, que están a recoller comportamentos de dous mundos que se crían contrapostos, a acción solidaria e a arela de beneficio, e que polo visto, insistiu, poden chegar a ser compatibles.
Ao seu xuízo, empresas como Cleanfish (habilitada por maiores de 60 anos, promovendo a pesca artesanal, sustentable, e cunha facturación de 20 millóns de dólares ao ano) ou ben Dlight Design (lanzada para comercializar unha lámpada con enerxía solar para países onde a enerxía tradicional non está ao alcance de toda a sociedade) son bos exemplos desta nova tendencia do empresariado social.
Proseguindo co compromiso anticrise, Carlos Barrabés interveu na sesión plenaria abríndolles novos camiños a todos aqueles empresarios que partindo dunha situación aparentemente adversa (emprazamentos afastados dos que se supoñen que son os grandes núcleos de produción e comunicación, falta de infraestrutura) queiran abrise paso nun mercado global cada vez máis ligado á Rede, para ben ou para mal. Barrabés, que pasou á historia da Internet española por ser un dos empresarios que máis factores tiña na súa contra e que pola vía da Rede máis éxito acadou (concretamente grazas a Barrabes.com, que ten a día de hoxe 23.000 visitas ao día, e as tendas de alpinismo e esquí que esta páxina agrupa) quixo salientar a necesidade de entender ata o último detalle o contexto económico de hoxe, un puro e constante cambio, para promover un negocio innovador. “As cousas mudan a gran velocidade”, engadiu, “e cada ano que pasa nos xogamos o futuro da empresa”. Neste contexto, sobran empresarios no mercado global que movan fichan por nós: “Xa non existe a copia, existe o pensamento simultáneo”, sinalou, en referencia ás moitas posibilidades que temos de inventar algo xa inventando e sen que ninguén sexa culpable diso, sendo polo tanto preciso un meirande esforzo por chegar ata onde aínda non se chegou.
Para isto, dixo, o equipo humano é fundamental, un equipo que estea en boa sintonía e, xunto coa figura do empresario, fique sempre ao tanto da información de valor que achegue a Rede. “Aí é onde nace a innovación: ninguén ve as cousas de outro xeito senón entende o contexto”, dixo. E proseguiu, botando luz sobre a súa propia maneira de levar un negocio: “O empresario de futuro é unha persoa que ten esa visión espacial. Cómpre tentar sempre saber onde estamos e onde queremos estar. Este é o gran intre para os emprendedores: a crise. Este é o intre no que de verdade se pode facer algo novo”.
