Máis de 5.300 axudas de Kit Dixital xa foron concedidas na provincia da Coruña

xoves, 9 de marzo do 2023 S. P.

Na mañá deste mércores 8 de marzo celebrouse unha reunión entre o presidente da Cámara da Coruña, Antonio Couceiro; os directores xenerais de Cámara de Comercio de España, Inmaculada Rise, e de Red.es, Alberto Martínez Lacambra; e co delegado do Gobierno en Galicia, José Manuel Miñones, para abordar os retos do programa Kit Dixital na Coruña e a súa área de influencia. Segundo se fixo saber, máis de 5.300 axudas deste programa xa foron concedidas na provincia.
Antonio Couceiro destacou que “a Cámara entendeu sempre a importancia da dixitalización das empresas e, máis aínda, tras estes últimos anos. Xa non se cuestiona a súa importancia, agora estamos xa no punto de ir máis aló, as bases están consolidadas e agora é tempo de avanzar, de progresar, para que as nosas empresas sexan máis competitivas nun mercado que, cada vez, é máis global”.
Pola súa banda, a directora xeral da Cámara de España, Inmaculada Rise, resaltou a oportunidade que representan os fondos Next Generation: “O proxecto Kit Dixital pode permitirnos lograr unha transformación sen precedente na dixitalización do noso tecido produtivo. Ao mesmo tempo, os fondos Next Generation representan unha gran responsabilidade para todos, tamén para a Cámara de España e para a rede de Cámaras de Comercio, institucións cun firme compromiso coa mellora da competitividade das nosas empresas, especialmente coas pemes e os autónomos.”
O director xeral de Red.es, Alberto Martínez Lacambra, destacou que “había dous grandes retos, conseguir unha alta capilaridade e que as empresas pequenas pedisen a subvención cun trámite sinxelo. A nivel nacional son 180.000 axudas concedidas. Isto é grazas á colaboración que tivemos de asociacións empresariais, cámaras de comercio, delegacións de goberno, etcétera. Entre todos temos que facer chegar a mensaxe da oportunidade e da importancia que supón a dixitalización para as nosas pemes. En canto á tramitación das axudas, temos un sistema fácil, e estanse respondendo as peticións nun prazo de quince días. Por tanto, animo a todas as pemes que aínda non o solicitaran a facelo”.
Ampliación do prazo ata final de 2024
Kit Dixital é un programa de axudas do Goberno de España, xestionado por Red.es, entidade adscrita ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, que ten como obxectivo promover a dixitalización de pequenas empresas, micropemes e persoas autónomas, e contribuír a modernizar o tecido produtivo español. Deste xeito, trata de axudar a que as empresas poidan ter máis presenza na Internet, que melloren a xestión das súas redes sociais, a actividade de comercio electrónico ou a xestión de procesos, entre outros.
O Goberno acaba de anunciar a ampliación do prazo ata finais de 2024 para que as pequenas empresas e os traballadores autónomos poidan solicitar a axuda do programa Kit Dixital. As axudas para empresas de entre 10 e menos de 50 empregados son de 12.000 euros; para as empresas que teñan entre 3 e menos de 10 empregados o bono dixital é de 6.000 euros e para as que teñan entre 0 e menos de 3 empregados, de 2.000 euros.
Oficina Acelera PEME
As empresas interesadas en ampliar información poden dirixirse a Oficina Acelera PEME da Cámara da Coruña, que conta, ademais, cun servizo de asesoramento e acompañamento para a posta en marcha de procesos dixitais e da impartición de obradoiros formativos online. A Cámara axuda así mesmo ás empresas para atopar as liñas de financiamento máis adecuadas para acelerar a implementación do seu plan de dixitalización. A Oficina atende, de forma gratuíta e personalizada, a pequenas e medianas empresas, micropemes, autónomos e emprendedores da área interesadas en comezar ou en avanzar nos seus procesos de dixitalización, pero tamén axuda a pemes provedoras de tecnoloxía a introducir os seus produtos e solucións no mercado.
Os interesados en ampliar información poden acudir á Oficina Acelera PEME, situada na sede da Cámara da Coruña. Tamén poden contactar a través do 981 216 072 ou ben escribindo a oap@camaracoruna.com.