Máis de mil empresas de 51 polígonos galegos xa contan con acceso á Rede de alta velocidade

martes, 2 de xaneiro do 2018 Redacción

Vista aérea do Polígono da Tomada na Pobra do Caramiñal

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, pechou o ano 2017 facendo reconto do acadado nos polígonos industriais da nosa terra a través do Plan de Banda Larga da Xunta. Segundo fai saber a entidade que dirixe Mar Pereira, 2017 saldouse cun total de 51 polígonos con acceso a Internet de redes ultrarrápidas, o que significa, entre outras cousas, que máis dun milleiro de empresas instaladas nestes complexos empresariais teñen ao seu alcance servizos de Rede a través de fibra óptica cunhas velocidades de até 350 Mbps de baixada e 35 de suba, “cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas”. Como lembraremos, estas melloras tecnolóxicas están a ser desenvolvidas polo operador R, adxudicatario do Plan, cuxa previsión para este ano entrante é engadir 30 polígonos á Rede de alta velocidade, imprescindíbel, por outra banda, para a súa plena dixitalización.
Como resultado destas medidas, en 2018, un total de 130 polígonos (nos que se concentra case o 93% da superficie empresarial ocupada), disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs. O resto cubriranse nas seguintes actuacións previstas no Plan.
AMTEGA tamén pechou ano recordando que os procesos de incorporación dos nosos complexos industriais á Rede de alta capacidade abren un abano de posibilidades que vai alén do simple fornecemento de infraestrutura. En palabras de R, achandan o camiño para que as empresas “acometan a súa transformación dixital”. Ou sexa, para que boten man de servizos e solucións na nube como por exemplo a videoconferencia, o acceso á Internet das Cousas (IoT) ou os procedementos do que se coñece como Industria 4.0, vencellados a conceptos e metodoloxías como a eficiencia enerxética, o control de intrusións nas edificacións, os servidores virtuais e a analítica de datos (Big Data), entre outros eidos. “Todas estas cousas e outras moitas máis”, explica a compañía de raizame galega, “son posíbeis grazas ás vantaxes das redes FTTH (Fiber To The Home) que levan a fibra óptica ata a propia empresa nestes polígonos xa conectados ás redes ultrarrápidas de R”.
AMTEGA subvenciona estes despregamentos cunha axuda de 3,4 millóns de euros, que se estima que xeren un investimento total de 5,2 millóns de euros. Estas subvencións co-fináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
Axudas a empresas illadas
Outra das liñas do Plan de Banda Larga foi a convocatoria de axudas para empresas e autónomos das zonas máis illadas do rural, da que, tralo remate do período de xustificacións, beneficiáronse un total de máis de 30 entidades. A axencia investiu neste punto preto de 400.000 euros. As subvencións solicitadas polas empresas beneficiarias comprenden entre o 70% e o 100% dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga de ata 350 Mpbs ás empresas. As firmas beneficiadas abranguen diferentes sectores produtivos: alimentación, agricultura, hostalaría, asesoría, xestión de residuos, inmobiliario ou enerxético, entre outros.
Os importes das axudas solicitadas polos beneficiarios van dende os 2.000 euros ata os 20.000 euros. Segundo lembra a axencia, os servizos de banda larga ultrarrápida a fornecer “permitirán velocidades de acceso a Internet dende os 50Mbps ata os 350Mbps”. AMTEGA tamén lembra que a mellora no acceso á Rede das empresas beneficiarias, con respecto aos servizos actuais dos que dispoñen, “superará os 80Mbps en case o 90% dos casos chegando incluso a acadar máis dos 300Mbps nalgunha das empresas beneficiarias das axudas”.
Estas liña de axudas co-fináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR) e é a segunda das actuacións do Plan de Banda Larga 2020 para a extensión de redes de banda larga ultrarrápida na Comunidade.
Plan de Banda Larga de Galicia 2020
O Plan de Banda Larga de Galicia 2020, aprobado o 1 de outubro de 2015 no Consello da Xunta, asume os obxectivos establecidos na Axenda Dixital para Europa de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30Mbps para a totalidade da poboación e impulsar a contratación nos fogares de servizos de banda larga por riba dos 100Mbps.
Polígonos xa cubertos en 2017
Parque Empresarial de Arzúa, Parque Empresarial A Piadela, Parque Empresarial de Coirós, Centro Loxístico do Transporte, Plan Sectorización Cerámicas Campo (Laracha), Parque Empresarial de Malpica, Parque Empresarial A Madanela (Melide), Polígono Industrial As Lagoas (Narón), Polígono Industrial Augalevada (Noia), Parque Empresarial de Ordes, Parque Empresarial de Sigüeiro e Oroso Pequeno, Polígono Industrial de Picusa (Padrón), Parque Empresarial da Picaraña (Padrón), Polígono Industrial A Tomada (Pobra do Caramiñal), Parque Empresarial de Ponteceso, Parque Empresarial de Penapurreira (As Pontes), Parque Empresarial de Rianxo, Polígono Industrial Arco Iris (Sada), Parque Empresarial de Santa Comba, Parque Empresarial de Vimianzo, Área Industrial de Carral, Parque Empresarial de Lourenzá, Parque Empresarial de Mondoñedo, Parque Empresarial de Outeiro de Rei, Polígono Industrial de Ribadeo, Parque Empresarial de Chorente (Allariz), Parque Empresarial do Barco de Valdeorras, Polígono Industrial de A Médua (O Barco), Parque Empresarial de Celanova, Parque Empresarial de Ribadavia, Parque Empresarial de Verín – Pazos, Parque Empresarial de Bueu – Castiñeiras, Polígono Industrial Arcos da Condesa (Caldas de Reis), Zona Industrial de As Veigas de Almorzar (Caldas), Área Empresarial de Forbesa (Caldas), Polígono Industrial de O Salnés (Cambados), Parque Empresarial de A Estrada – Toedo, Polígono de Porto Meloxo (O Grove), Polígono Industrial de As Covas (Meis), Polígono Industrial de Vilanoviña (Meis), Parque de A Reigosa e Central de Transportes e Ponte Caldelas, Polígono Industrial de A Lomba (Ponteareas), Parque Empresarial de O Campiño (Pontevedra), Área de Negocios Oceanis (O Porriño), Parque Empresarial de Silleda, Parque Empresarial de Areas (Tui), Polígono Industrial O Camballón (Vila de Cruces), Parque Empresarial de O Pousadoiro (Vilagarcía), Polígono Industrial de Bamio (Vilagarcía) e Parque Empresarial de Vilanova (Área Loxística de Baión – Ría de Arousa).

PUBLICIDADE