Máis de sesenta empresas participaron na segunda edición do Foro APD sobre Tecnoloxía e Negocio

venres, 17 de marzo do 2023 S. P.

A Asociación para o Progreso da Dirección (APD), en colaboración con Arsys celebraron na mañá deste xoves 16, en Santiago de Compostela, a segunda edición do Foro APD sobre Tecnoloxía e Negocio. Ao longo da xornada, na que participaron máis de sesenta empresas, achegáronse diferentes puntos de vista sobre as principais tendencias innovadoras do ano, poñendo o foco nas máis revolucionarias e potencialmente interesantes para as compañías. Tras a benvida por parte de Ana Sánchez, directora da zona noroeste de APD e Alejandro Vázquez, desenvolvedor de negocio de Arsys, e a inauguración de Julián Cerviño, director da axencia galega AMTEGA, comezaban as intervencións.
Xunto a José María De Santiago Garzón, socio de estratexia e transformación tecnolóxica en Deloitte, analizáronse as tendencias tecnolóxicas en 2023. Entre outras, destacáronse a IA (Intelixencia Artificial), o metaverso, a computación na nube e a cadea de bloques (blockchain), entre outras. Apuntou que “a capacidade que ten o metaverso para monetizar é xa un feito. É unha canle de venda máis. Diferentes estudos destacan que, en 2026, as persoas pasarán unha hora no metaverso".
Ana Sánchez, directora da zona noroeste de APD moderou a primeira mesa da mañá xunto a Guillermo Arbelo, director xeral ACS en ARSYS e Cristobal Ramos, socio director de desenvolvemento de negocio da santiaguesa Plexus Tech, xunto a quen se analizou a visión máis estratéxica. Ambos os relatores incidiron en que “a brecha entre a formación e a empresa é moi grande. Existe unha necesidade de talento no mercado moi latente. O problema non é tanto que non exista tecnoloxía, senón que faltan profesionais para poñela en marcha".
Pola súa banda, Fernando Fuentes, director de desenvolvemento de produto de Arsys realizou unha intervención dedicada á computación na nube (cloud computing) e como compaxinar nube e datos: “Un espazo de datos é un ecosistema onde compartir e interpretar datos dentro dunha contorna de soberanía, confianza e seguridade. É clave para a economía do dato".
Trala pausa-café celebráronse as dúas mesas de empresa da mañá. Na primeira delas, dedicada á aplicación da IA na empresa participaron Jorge González, CIO de Adolfo Domínguez, Agustín Rodríguez, CFO de GADISA, Gabriel Gómez, director xeral de Marine Instruments, e Sara Madariaga, responsábel de innovación en Arsys. Todos eles destacaron a importancia do coñecemento sobre a IA, de maneira que se saiba cales son os seus beneficios e riscos para sacar o maior partido das tecnoloxías intelixentes.
A última mesa da mañá estivo dedicada á Industria 4.0 e á fábrica intelixente. Moderada por Luis Pérez, director xeneral do centro tecnolóxico galego Gradiant, nela coñecéronse os casos de Noemí Gil, directora TIC da empresa alimentaria CONGALSA (con sede na Pobra do Caramiñal) e Gregorio González, responsábel de produto e innovación TIC na santiaguesa FINSA. Noemí Gil apuntaba que: “En CONGALSA iniciamos o proxecto CONGALSA 4.0 cuxo obxectivo é conseguir unha fábrica intelixente. Para iso comezamos con proxectos de automatización e apoiámonos en moi diversas tecnoloxías". Pola súa banda, Gregorio González destacou tamén que “á hora de innovar, non todo vai funcionar. Se todo o que fas novo funciona, é que quizá non estás a innovar do todo”.
Con eles terminaba a sesión, onde se emprazou aos asistentes para acudir os días 7 e 8 de novembro ao 5.º Congreso Internacional de CIOs de APD, que se desenvolverá en Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE