Máis dun centenar de persoas participaron na gran festa de Youbeir@s
luns, 29 de maio do 2017
Esta
fin de semana que vimos de deixar atrás foi a gran festa dos
contidos en galego lanzados para o mundo. Por que? Pois
porque se celebrou en Ourense, coa participación de máis dun
centenar de persoas, a entrega de premios premios do certame
Youtubeir@s, unha iniciativa para encher a Internet de vídeos en
galego, facendo especial fincapé no YouTube e no seu potencial de
divulgación e de influencia. Segundo puidemos saber, as pezas
premiadas foron un vídeo de opinión sobre a problemática da praga
da couza guatemalteca e un videotitorial sobre como facer un guiso
anti-San Valentín.
A
gala final da primeira edición de Youtubeir@s
desenvolveuse o venres no Teatro Principal de Ourense. “Con este
acto”, lembraron os organizadores, “culminou un proxecto que
naceu coa vontade de conseguir que haxa máis vídeos en galego en
Internet e co fin último de fomentar a presenza e o uso deste idioma
na Rede”. Tamén se destacou a colleita de vídeos resultante,
tanto por cantidade (máis de 200) como sobre todo por calidade.
Como
dixemos, na categoría Vídeo-facermos o premio foi para a
peza Guiso especial anti-San Valentín, realizada polas
youtubeiras de Corasón de Churrasco. Na categoría Vídeo-opinarmos
o galardón foi para Prohibido plantar patacas: a praga da couza
guatemalteca, das youtubeiras de Teño unha Horta en San
Sadurniño, que recolleron o premio “con orgullo de ter chegado ata
aquí” e reclamando “máis mulleres rurais e máis galego na
rede”. Cada un dos galardóns estaba dotado con 1000 euros.
Tamén
se entregaron diversas mencións honoríficas, dotadas con 500 euros
de premio. A mención especial polo enxeño e creatividade foi para
David Otero Fumega polo seu vídeo SmartFol G6! Unha review moi
especial e o premio que destacou a eficiencia comunicativa foi
asignado ao videotitorial Tortilla de Pascua, da youtubeira
Isabel Villanueva. A mención de honra á calidade técnica recibiuna
Miguel Rodríguez pola súa vídeo-opinión 1000 rpm-A noite e
o recoñecemento á calidade lingüística foi para o IES Urbano
Lugrís de Malpica pola peza colectiva Seis pasos para falar
malpicán.
A
gala foi presentada pola actriz Iria Pinheiro. Pola súa banda, Iñaki
Quenerapú fixo un monólogo sobre “a importancia de elixir ben a
miniatura estática nos vídeos de YouTube” e a Vj Marta Verde
realizou un espectáculo de mestura cos vídeos participantes en
directo. O acto contou coa asistencia de máis dun centenar de
persoas, entre concursantes, público e representantes institucionais
dos concellos e universidades promotoras do certame. Entre eles e en
representación das universidades implicadas, Virxilio Rodríguez,
vicerreitor do Campus de Ourense, quixo dar as grazas aos
participantes no certame “por ter presente o galego nas vosas vidas
e por telo levado á Rede” e salientou o compromiso dos campus
galegos co uso do galego. O vicerreitor rematou o seu discurso
desexando “moita vida ao noso idioma”. Pola súa banda, os
responsables de Normalización Lingüística dos concellos de Ourense
e Pontevedra, María Belén Iglesias e Alberto Oubiña
respectivamente, amosaron o seu desexo de que o certame de
Youtubeir@s teña continuidade de futuro.
Máis
detalles sobre o certame
O
xurado estivo composto por Manolo González, María Lado, Manuel
Núñez Singala, María Yáñez e Pablo Lamosa. Youtubeir@s, como
lembraremos, foi unha iniciativa dos servizos de normalización
lingüística (SNL) dos concellos da Baña, A Coruña, Ames,
Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de
Compostela, Teo e O Grove; e tamén das universidades da Coruña,
Santiago de Compostela e Vigo.
O proxecto tivo tres piares
fundamentais: a procura de youtubeiras e youtubeiros, a formación
para quen queira selo, e un concurso para incentivar que se fagan
vídeos de titoriais e opinións en galego na Rede, con 4.000 euros
en premios-
Os vídeos que se presentaron ao certame tiveron
unha duración máxima de 5 minutos, estaban licenciados en
creative commons (licencia aberta, feita para produtos que
se queren compartir e co requisito de acreditar de autoría) e foron
producidos en galego e habilitados na rede social YouTube.
As
dúas categorías foron Vídeo-facermos (para
videotitoriais que amosen como facer cousas) e Vídeo-opinarmos
(para vídeos nos que se achegue unha opinión ou valoración
sobre calquera tema.