Mar Pereira destaca a importancia do tratamento e a protección de datos

martes, 24 de outubro do 2017 Redacción

A directora da AMTEGA, Mar Pereira, indicou esta mañá na presentación do Mestrado Propio en Tratamento e Protección de Datos organizado polo Centro de Estudos de Seguridade da Universidade de Santiago de Compostela que «os cambios derivados da transformación dixital requiren profesionais con novas competencias e habilidades», e de aí a importancia de que as universidades dean reposta con formación especializada, non só para profesionais TIC senón para perfís doutros ámbitos. Pereira gabou o novo mestrado, que ofrece formación específica a xuristas e profesionais relacionados co tratamento de datos ante a entrada en vigor do novo Regulamento europeo nesta materia.
Pereira destacou o valor estratéxico dos datos no contexto dixital para crear máis e mellores servizos pero coa obriga de garantir a súa seguridade e confidencialidade. Neste sentido, a directora da Axencia subliñou que o novo Regulamento europeo é «o máis esixente neste materia» e incorpora novos dereitos para os cidadáns como o dereito ao esquecemento, o consentimento expreso ou a portabilidade dos datos e implica e un maior compromiso das organizacións, públicas e privadas coa protección de datos así como unha forma diferente de xestionalos.
Entre as novas obrigacións que implica a lei está a de contar nas administracións públicas coa figura do delegado de protección de datos, un novo perfil profesional vinculado ao contexto dixital, que terá unha importante demanda tras a entrada en vigor da normativa europea o vindeiro ano e que constitúe un dos obxectivos deste curso.
A Xunta de Galicia, a través da AMTEGA, está afrontar a adaptación a estas novas obrigas normativas a través das medidas do Plan Director de Seguridade TIC. Grazas as actuacións desenvolvidas no marco deste Plan, a Administración autonómica incrementou a súa capacidade de prevención, detección e reposta ante incidentes de seguridade.

PUBLICIDADE