María Yáñez amosa nos Chanfaina Labs como tirar proveito da nosa retranca para facer memes de éxito

luns, 4 de setembro do 2017 Redacción

O Concello de San Sadurniño organizou esta fin de semana pasada a cuarta edición dos Chanfaina Labs, abranguendo dous obradoiros e dúas charlas sobre nova creación audiovisual e de contidos na Casa da Xuventude. Contouse (entre outras) coa presenza da xornalista transmedia e investigadora en múltiples eidos dixitais María Yáñez, quen mostrou as metolodoxías para facer un meme que deixe pegada nas redes (ou sexa, un concepto ou contido multimedia, principalmente humorístico, que teña a capacidade de estenderse en Internet e nas ferramentas de comunicación dixital). Tamén amosou como facer gifs de impacto virtual e, en definitiva, como dominar estes novos mecanismos de comunicación sen necesidade de botar man de conceptos. expresións e contidos que fiquen lonxe, máis ben todo o contrario. Na sesión, á que asistiron unha quincena de persoas, falouse moito moito da retranca galega e de como esta renóvase e perpetúase e espállase a través dos memes e dos gifs.
“No obradoiro falamos de folclore dixital, que non ten nada que ver con gaitas electrónicas nin nada diso, senón que vimos como a cultura de Internet se parece á cultura oral de toda a vida por como se transmite, a través de memes e de gifs animados, que van pasando de persoa a persoa sen que saibamos ben onde se producen pero que se fan virais. A xente recíbeos por distintos medios para logo traducilos e adaptalos á súa maneira”, explicou Yáñez.
A sesión, que tivo parte teórica e de práctica, contou coa presenza de chanfaneiras veteranas como Cruz Piñón, Carmen Bouza, Carmen Couce, Abel Vega, Bieito Beceiro ou Pablo Martínez, xunto con xente que se incorporou este ano ao encontro, como é o caso das responsábeis das Lolas de Cascarilla ou dúas das compoñentes da canle The Sungirls, que, segundo informa o Concello de San Sadurniño, levan trazas de se converter en auténticas influencers tras só un vídeo publicado en Youtube.
Amais de María Yáñez, pola cuarta edición dos Chanfainas Labs tamén pasaron o portugués Carlos Viana, para falar de cinema rural no país veciño; e Belén Montero e Juan Lesta para impartir un curso de edición de vídeo de catro horas, facendo fincapé no potencial dos móbiles como recursos de creación audiovisual.
Pola cita tamén pasou Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, que segundo informa Sermos Galicia adicou as xeiras formativas a facer gravacións. Asemade, participou o director galego Oliver Laxe, achegando á veciñanza ao cinema que se está a facer no rural (e que el mesmo está a facer no interior da nosa terra, tentando mostrar a realidade dos incendiarios que acaban cos nosos bosques e das persoas que loitan para evitalo).

PUBLICIDADE