Marín prepara un portal e unha app sobre os seus atractivos turísticos

luns, 26 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello de Marín incluíu no seu programa de acción o desenvolvemento dun novo portal web e dunha aplicación móbil para atraer visitantes ao termo municipal e dar a coñecer ante a comunidade en liña os moitos atractivos turísticos, culturais, etnográficos e gastronómicos locais. A dupla ferramenta terá un dos seus grandes piares nos contidos multimedia e nos recursos para que os visitantes planifiquen as súas estadías en Marín da mellor maneira posible: tendo o máis completo e práctico coñecemento das súas praias, o seu patrimonio artístico e cultural, as súas rutas, os seus portos deportivos e os seus comercios e locais hostaleiros, entre outros ámbitos de gran interese.
A intención, segundo fixo saber o Concello, é que mediante a aplicación para dispositivos móbiles os turistas estean en capacidade de ver rápida e sinxelamente todas as actividades e propostas de cada ámbito de Marín previamente seleccionado.
O proxecto diríxese a acadar unha xestión integral deste tipo de contidos, poñendo en marcha un punto único e centralizado de información turística local, e enchendo as redes de textos, imaxes e vídeos sobre Marín e o seu rico patrimonio natural e arquitectónico. A iniciativa ten un orzamento de 30.000 euros. Segundo informa o Concello, xa hai ofertas empresariais para dar forma ás ferramentas, das cales elixirase “a máis vantaxosa”.