Medio millón de euros para o emprendemento tecnolóxico en Galicia
martes, 9 de abril do 2024
O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a convocatoria 2024 das axudas autonómicas para impulsar iniciativas de base tecnolóxica (IEBT) nas que investirá medio millón de euros para atender os gastos destes emprendedores durante o primeiro ano de actividade, con achegas de até 24 mil euros para a creación directa de emprego estable ou de até 30 mil para o inicio e posta en marcha da actividade.
Previa cualificación realizada por equipos especializados (para asegurar mellores perspectivas de consolidación e permanencia dos proxectos) esta medida artella apoios económicos para facilitar o lanzamento das iniciativas en catro eidos: para a creación directa de emprego estable, inicio e posta en marcha da actividade, conciliación da vida persoal, laboral e familiar e apoio á función xerencial.
A axuda mínima de 6 mil euros por persoa desempregada incorporada para a creación de postos de traballo indefinidos durante o primeiro ano de funcionamento verase ampliada este ano, por primeira vez, até os 8 mil, nos casos nos que o traballador sexa menor de 30 anos ou maior de 52, sexa muller ou se trate dun emigrante retornado ou estranxeiro. Ademais seguiranse a incrementar as achegas cun 25% extra acumulables se o centro de traballo se atope nun concello rural, entre outros supostos.
Os gastos de posta en marcha da actividade inclúen os derivados dos servizos de notaría e rexistro, compra de materias primas, arrendamento do local ou equipamentos, seguro, publicidade e páxinas web.
Os apoios á conciliación, permitirán sufragar até o 75% dos custos dos servizos de coidado de menores, maiores ou dependentes que contraten os impulsores das iniciativas e, os apoios económicos á función xerencial, inclúen achegas para a formación do empresario e/ou para a realización externa de análises, estudos ou informes.