Medra a marxe de empresas galegas que investirán en métodos de pago para apps
luns, 7 de maio do 2018
Estamos
preparados para apostar por aplicacións móbiles? Segundo se
desprende do estudo
O futuro da aceptación de pagos,
a resposta non é nin un si rotundo nin tampouco
un non categórico, pero
se cadra comeza a estar máis preto do primeiro ca do segundo. Ou
sexa, que se está axigantando a marxe de empresas
que si que están preparadas. De feito, a investigación sinala que
tres de cada dez PEME galegas teñen programado investir en métodos
de pago para aplicacións móbiles ao longo deste ano.
Ademais,
o espallamento e consolidación das ditas operacións en liña e os
pagos sen contacto tamén é unha cuestión prioritaria para as PEME
galegas, xa que 2 de cada 10 proponse investir nestes métodos ao
longo de 2018 e, mesmo, un 10% dos comercios planea facelo en páxinas
optimizadas para móbiles.
O
dito informe, que será presentado no evento Impulsando a
Túa Empresa (o 10 de maio en
Vigo), foi elaborado por UniversalPay entre máis de 3.000
empresas estatais e 500 consumidores, co obxectivo de “coñecer as
tendencias e os próximos retos a ter en conta polos comercios á
hora de aceptar pagos, e os hábitos de consumo dos compradores no
momento de realizar transaccións”.
Na
investigación, amais de todo o devandito, sinálase que a gran
maioría dos comercios da nosa terra (9 de cada 10 establecementos)
considera que a sociedade evoluciona cara a un sistema de pagos sen
diñeiro en efectivo. Deles, o 60% cre que “chegaremos a ela nun
futuro próximo” e o 10% considera “que xa vivimos nela”.
Amais, de face a 2020, o 60% dos comercios de Galicia está
convencido de que os pagos realizaranse a través de aplicacións
móbiles e o 20% con contactless. Un 10% cre, ademais, que as
transaccións máis populares faranse a través de carteiras
dixitais.
O
informe de UniversalPay tamén sitúa a Galicia como unha das
Comunidades máis seguras en canto a fraude dixital. Segundo esta
enquisa, o 80% dos comercios galegos non rexistrou perdas por este
motivo o pasado ano, fronte ao 62% das PEME do resto de España.