Memoria Pixelada presenta o resultado do seu terceiro gran redeseño

xoves, 21 de febreiro do 2013 Fernando Sarasketa

Memoria Pixelada, web galega especializada no eido dos videoxogos posta en marcha posta en marcha hai catro anos, vén de dar un novo chimpo cara ao futuro cunha nova actualización e redeseño da súa feitura na Rede, un proceso que deu como resultado un bo número de novidades tanto no eido do deseño como nos contidos. Segundo nos contan os compañeiros desta canle de comunicación nunha completa reportaxe-seguimento das circunstancias que desembocaron nesta recente posta ao día, en catro anos de vida en liña, aínda que pareza mentira, pode coller todo un mundo. Como lembraremos, o punto de partida de Memoria Pixelada foi un plantilla predeterminada de blog convencional, logo deu un paso adiante con certa axuda do noso webmaster Marcus para despois acometer o seu primeiro gran redeseño que contou coa colaboración e apoio de Marcos Dacosta e a firma compostelá Dinahosting.
A seguinte gran transformación (a segunda) foi posta en marcha por AmilGZ e retomada polo actual técnico da páxina, NetOverflow. E chegamos á terceira, que é a que se presenta estes días, e que conta unha vez máis “cos dedos máxicos de Net”.
Esta nova versión, relatan dende Memoria Pixelada, trae múltiplas novidades, tanto no eido gráfico (coa axuda de xente como Gonzalo Sardón, que deseñou o novo logotipo) como a nivel profesional e de contidos. Por exemplo, desaparece o apartado Frikimakes para dar acubillo á sección Imaxes e Vídeos pixelados, onde se van ir emprazando as fotografías de audiovisuais de meirande interese a nivel global, “pero cunha distribución moito máis cómoda para ler”. Na marxe dereita inclúese agora o apartado de Mini-novas, para informar de todas aquelas novidades que non precisan dunha extensión moi longa, e tamén dáse acubillo á posibilidade de puntuarmos, como usuarios da web e seareiros dos videoxogos, os produtos avaliados pola redacción de Memoria Pixelada. “Porén”, engaden os responsábeis da web, “non terminan aquí as novas, senón que redeseñamos completamente a versión móbil da páxina, cun aspecto moito máis serio e funcional, corrixindo erros anteriores e ofrecendo a posibilidade de seguir Memoria Pixelada dende calquera lugar”.

PUBLICIDADE