Microsoft crea un sitio para apoiar a candidatura da Alhambra como unha das 7 Marabillas

mércores, 23 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

Estes días estase a afondar moito nunha das votacións multitudinarias de máis sona da era dixital (posibilitada precisamente grazas á Internet), e non sempre para felicitar ós seus responsables. Falamos da elección en liña das Sete Novas Marabillas do Mundo, un proceso no que xa participaron uns 45 millóns de persoas e que culminará o vindeiro 7 de xullo coa presentación oficial en Lisboa das máis votadas. O caso é que, como soe acontecer neste tipo de procesos (aínda que a unha escala máis pequena, xa que non temos constancia doutra votación que convocase a tantas persoas), cada goberno ou comunidade está a tirar polo seu, loxicamente, proceso no que seguramente tampouco fiquen á marxe as grandes corporacións turísticas, hostaleiras e inmobiliarias.
Ironías aparte, en España hai interese por promover A Alhambra de Granada e é nesa liña onde cómpre situar a alianza que veñen de establecer a Junta de Andalucía, o Patronato do dito monumento e Microsoft a través de MSN/Windows Live.
Para comezar, a multinacional da informática vén de crear un espazo dende o que se anima ós internautas a votar pola Alhambra como xoia da arquitectura mundial, constituíndose ademais como fonte de información sobre o monumento.
O obxectivo é o seguinte: conseguir que os 14 millóns de usuarios de MSN/Windows Live apoien a candidatura española. Sexa como sexa, cómpre sinalar que o monumento andaluz vaino ter complicado nesta recta final do proceso, xa que non aparece entre os máis votados.

PUBLICIDADE