Microsoft estrea sucesor para Clipo: Mico

xoves, 23 de outubro do 2025 Redacción

Microsoft segue a avanzar cara a unha intelixencia artificial máis próxima, expresiva e centrada nas persoas presentando Mico, un personaxe virtual que pode acompañar as interaccións con Copilot. Esta novidade forma parte da actualización de outono de Copilot, que introduce numerosas funcionalidades orientadas a reforzar a conexión emocional, a colaboración e a personalización.
Mico (acrónimo de Microsoft Copilot) é un personaxe animado que reacciona ás conversas, adapta a súa cor segundo o ton da interacción e expresa emocións a través de movementos e xestos sutís, que podemos considerar unha versión moderna do clásico Clipo. A súa incorporación busca humanizar a experiencia de uso, especialmente nas interaccións por voz, onde actúa como interlocutor visual que escoita, responde e transmite empatía.
A aposta por Mico insírese nun enfoque máis amplo de intelixencia artificial compañeira, que inclúe memoria a longo prazo, estilos conversacionais adaptativos e integración con servizos como OneDrive, Outlook ou Google Calendar. Con todo, estas funcionalidades (incluída a presenza de Mico) están dispoñibles unicamente nos Estados Unidos por agora, con previsión de expansión a outros mercados nas vindeiras semanas.
A proposta de Microsoft marca unha diferenza respecto a outras aproximacións máis impersonais á IA, ao priorizar a confianza, a adaptabilidade e a conexión social. Mico non é só unha cara amable: é parte dunha visión que busca que a tecnoloxía se faga máis humana, sen perder o rigor nin a utilidade.
Microsoft tamén está a transformar a experiencia de navegación coa evolución de Edge en modo Copilot, que agora se presenta como un navegador con intelixencia artificial integrada. Esta funcionalidade permite que Copilot interprete e razoe sobre as pestanas abertas (sempre co consentimento do usuario) para resumir contidos, comparar informacións e mesmo realizar accións como reservar hoteis ou cubrir formularios.
A navegación por voz engade unha capa de accesibilidade e fluidez, permitindo interactuar co navegador sen tocar o teclado. Ademais, a nova función Journeys organiza o historial de navegación en liñas temáticas, facilitando a recuperación de ideas e tarefas sen ter que volver buscar desde cero. Estas novas funcións xa están dispoñibles nos EE.UU.

Vídeo coas novidades de Copilot