Microsoft regala ordenadores portátiles con Windows Vista a distintos blogueiros

venres, 29 de decembro do 2006 Marcus Fernández

Portátil Acer Ferrari recibido por un blogueiro

Varios blogueiros relevantes a nivel mundial veñen de recibir ordenadores portátiles Acer Ferrari (nos seus modelos 1000 e 5000, valorados en 1.688,66 e 2.083,95 euros respectivamente) co Windows Vista Ultimate preinstalado para que poidan analizar de xeito cómodo o novo sistema operativo da compañía de Redmond, o que está a verse dun xeito moi crítico, pois hai quen o considera un suborno para que os agraciados con estes equipos de alta gama falen ben de Microsoft nos seus espazos virtuais.
Microsoft defende que estes equipos son para probar o Windows Vista (e incluso comentan que os blogueiros non terían problemas en devolver os equipos ou mesmo vendelos ou regalalos dende os seus blogs). Xa se coñece un caso dunha persoa que subhastará o portátil en eBay e doará os cartos acadados á Fundación Fronteiras Electrónicas (EFF). Pero non tódalas reaccións son negativas, senón que tamén hai que afirma que este tipo de resposta corresponde a un resentimento cara a Microsoft, que non se produciría se o fabricante dos ordenadores fose, por exemplo, Apple.

Portátil Acer Ferrari executando Windows Vista

Habería que destacar que o agasallo de produtos para a súa proba é moito máis habitual do que moita xente poida pensar, só que normalmente se trata de dispositivos con prezos moitos máis reducidos (coma teléfonos móbiles ou reprodutores multimedia). Ademais, o agasallo promocional non tería por qué ter unha resposta a xeito de artigo manipulado, xa que pode traducirse nunha crítica tanto positiva como negativa (ou mesmo un silencio).
Enrique Dans dende o seu blog reflexiona tamén sobre o tema e considera que o agasallo de Microsoft é moi atinado, xa que entrega precisamente o que é necesario para realizar unha boa proba do Windows Vista, e non é como cando se realizan outro tipo de agasallos como viaxes “ás illas Seychelles”.
Lembremos que se Microsoft remitise ós blogueiros copias de Windows Vista Ultimate e estes non contasen con equipos de última xeración e boas prestacións, non poderían probar satisfactoriamente o novo sistema operativo, polo que terían difícil comentar as virtudes e defectos do produto. Con esta polémica iniciativa Microsoft asegúrase que a experiencia de uso que vai ter o agasallado sexa o máis axeitada posible, o que resulta comprensible, aínda que sorprenda pola contía económica do agasallo entregado.