Minia Manteiga, investigadora do CITIC da UDC, vicepresidenta da Sociedade Española de Astronomía

luns, 25 de xaneiro do 2021 Redacción

A investigadora do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, Minia Manteiga, foi nomeada vicepresidenta da Sociedade Española de Astronomía. O nomeamento fíxose efectivo neste mes de xaneiro e ocupará o cargo durante os vindeiros catro anos. A investigadora é a primeira catedrática de Astrofísica en Galicia, especialista en evolución estelar, astrofísica espacial e Big Data Astronomy, e docente na Escola Superior de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña.
A Sociedade Española de Astronomía renovou este mes a súa xunta directiva, mantendo o seu obxectivo de dar servizo á comunidade astronómica e sumar esforzos para promover o desenvolvemento da Astronomía e Astrofísica en España.
O CITIC lembra que máis de 800 profesionais están agrupados nesta sociedade que acolle, entre eles, a 600 doutores en Astrofísica e 200 membros júniors.
A designación de Minia Manteiga como nova vicepresidenta do organismo está acompañado polo nomeamento do investigador do Centro de Astrobioloxía, CSIC-INTA, Benjamín Montesino, que ocupará o cargo de presidente; o profesor de Universitat de les Illes Balears, Ramón Oliver, como tesoureiro; e a investigadora da Universidade de La Laguna e Instituto de Astrofísica de Canarias, Josefa Becerra, como vocal.
Manteiga destacou que “a pesar das dificultades deste último ano, é especialmente emocionante poder traballar en astronomía nestes momentos en España”. Tamén indicou que “os retos aos que nos enfrontamos na actualidade deben ir da man da necesidade dun rotundo cambio social cara a igualdade de xénero e a conciliación familiar, temas nos que o noso avance como sociedade é lento pero imparable”.
Minia Manteiga é unha das catro científicas académicas numerarias da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), foi previamente presidenta do Grupo de Astrofísica (GEA) da Real Sociedade Española de Física e é membro da Unión Astronómica Internacional (IAU) e da Sociedade Europea de Astronomía (EAS). Forma parte tamén do Grupo Galego da Misión Espacial Gaia, un ambicioso proxecto da Axencia Espacial Europea que ten como obxectivo crear un mapa tridimensional da Vía Láctea.

PUBLICIDADE