Miñones comproba na Coruña a dixitalización da pastelería Habaziro e fai balance do Kit Dixital en Galicia

mércores, 8 de marzo do 2023 S. P.

José Miñones, delegado do Goberno en Galicia, e Alberto Martínez Lacambra, director xeral de Red.es, comprobaron este mércores 8 de marzo a utilización dos bonos de dixitalización na empresa coruñesa Habaziro, pastelería artesanal da Coruña que foi obxecto dun proceso de transformación tecnolóxica grazas ao programa Kit Dixital. Miñones dixo que este programa está a impulsar un chimpo de innovación en 14.000 pemes de Galicia a través dos seus bonos dixitais. O Kit é un programa xestionado pola empresa pública Red.es, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno.
Así o avanzaron este mércores Miñones e Martínez durante a súa visita á empresa coruñesa Habaziro, que, como dixemos, beneficiouse deste programa para implantar ferramentas tecnolóxicas de xestión, venda e promoción externa.
“Hoxe pomos cara ao Plan de Recuperación”, subliñou o delegado durante o encontro, no que participaron o xerente de Habaziro, Pablo Morales, e o xerente de Ilatina, Miguel Angel Fernández, que é o axente digitalizador que se encargou de implementar estas solucións no obradoiro.
As axudas do programa Kit Dixital poderán solicitarse ata decembro do ano 2024. As contías das axudas poden ser de 12.000€, 6.000€ e 2.000€ en función ao número de empregados que teña a empresa ou autónomo, sinalou Miñones, engadindo que a día de hoxe o programa concedeu en Galicia 14.000 bonos, o que supón que ao redor de 65 millóns de euros do Plan de Recuperación xa chegaron ás pemes de Galicia para implementar solucións básicas de dixitalización. Na provincia da Coruña, concedéronse case 5.300 bonos dixitais, por un importe de 25 millóns de euros.
O director xeral de Red.es detallou o proceso de deseño do programa Kit Dixital, que adoptou a premisa de que a súa xestión fose sinxela, de concesión rápida e de forma totalmente dixital: “Con este deseño conseguimos reducir o prazo de resposta das axudas a 15 días”. Os resultados obtidos ata o momento, dixo, “converten a Kit Dixital no maior programa de colaboración público privada de Europa e en exemplo para países da contorna que queren implementar programas similares”. O director xeral de Red.es avanzou que se tramitaron 320.000 expedientes no conxunto de España.