Multa de 1.500 euros aos responsables dun vídeo vexatorio publicado en YouTube

xoves, 5 de febreiro do 2009 Marcus Fernández

En outubro de 2007 soubemos dun veciño de Móstoles que presentara unha denuncia no xulgado da súa localidade para solicitar que YouTube eliminase do seu servidor os vídeos nos que uns descoñecidos insultaban e facían mofa do seu fillo, un esquizofrénico de 46 anos de idade dos que os seus pais teñen a custodia.
Martín Roldán esforzouse moito na súa loita contra os individuos que atentaban contra a honra da súa familia, o que fixo que o seu caso chegase aos medios de comunicacións, levando a Google a reaccionar, e eliminar os contidos denunciados de YouTube, non quedando a cousa aí, e finalmente a Axencia Española de Protección de Datos sancionou aos autores das polémicas gravacións cunha multa de 1.500 euros por infracción grave a partir do procedemento de oficio que iniciou cando coñeceron o acontecido.
O pai da vítima considera que a sanción é «ridícula» por ter en conta «demasiados atenuantes» xa que as multas graves poderían oscilar entre os 60.000 e os 300.000 euros. Tamén lembrou que a causa xudicial a partir da súa denuncia continúa aberta.