Musk converte o lanzamento da campaña presidencial de Ron DeSantis nun DeSastre
xoves, 25 de maio do 2023
Pese a que Elon
Musk aseguraba certa independencia política, os seus actos non fan máis que
contradicir o seu discurso, e que organizase un Espazo en Twitter para que o
gobernador de Florida, Ron DeSantis,
presentase a súa candidatura á presidencia dos EE.UU. deixou aínda máis clara a
intención de Musk de converter Twitter nun espazo na Rede no que domine a
dereita política.
Pero o que pretendía ser un momento histórico, rematou converténdose no que os
medios describiron xocosamente como DeSastre, xa que a
sala de Twitter Spaces que abriu Elon Musk para conversar con DeSantis non tivo
máis que problemas técnicos, que ían dende acoples no micrófono de
Musk até a caída da sala do gobernador. Tras moitos silencios e fallos
constantes, que duraron máis de vinte minutos, optouse por pechar a sala, e abriron un
novo Espazo dende a conta de David Sacks (podcasteiro afín a Musk) no que
durante algo máis dunha hora conversaron con Ron DeSantis e xuntaron a preto de
150 mil oíntes.
Chegaron a dicir que os problemas técnicos eran culpa de que Musk tiña demasiados
seareiros, e incluso presumiron de ter organizado a meirande sala creada nunca
en redes sociais (afirmación que non se axusta en absoluto á verdade), pero o
que quedou claro é que na actualidade Twitter Spaces é un servizo moi
deficiente, o que poden constatar moitos organizadores de espazos periódicos,
que suspenderon estas actividades ante a imposibilidade de manter a periodicidade
pola acumulación de problemas técnicos que ían dende as caídas constantes de usuarios
(que nalgúns casos era o propio anfitrión) até problemas co son.
A presentación de DeSantis non foi só un fracaso a nivel técnico, senón tamén
de cara ao público, xa que dende a propia
conta de Joe Biden fixeron burla publicando unha ligazón que funciona
e incluso o equipo de Donald Trump fixo unha parodia
da sala de Twitter Spaces. Para rematar de confirmar que a sala de audio
foi un fracaso, DeSantis
publicou un vídeo tradicional de presentación de campaña, que tivo moito
maior impacto, e que claramente conecta mellor cos cidadáns, que están moi
lonxe de adoptar masivamente o chamado social audio.