Musk insiste en querer eliminar o bloqueo de contas en X
luns, 23 de setembro do 2024
O ano pasado Elon Musk anunciou a súa intención de eliminar a función de bloqueo de outras contas de usuario en X (agás para as mensaxes directas), o que causou bastante rebumbio e indignación, pois suporía unha redución da seguridade da plataforma e incluso iría contra as normas das tendas de aplicacións para iOS e Android. Pese a iso, agora o propietario de X volve á carga, e agora asegura que «xa era hora de que isto acontecese. A función de bloquear bloqueará esa conta para interaccións, pero non para ver as súas publicacións».
De cumprirse este anuncio de Musk, cando se bloquee a alguén en X este poderá ver o que se publique dende a conta que o bloqueou, pero non poderá interactuar con esas publicacións dende a súa conta, o que pode verse como un xeito de pór máis doado o acoso na plataforma (xa que até o momento un usuario bloqueado non se decataba de tal condición até que atopaba un contido ao que non tiña acceso, pero de realizarse o cambio proposto tería moito máis doada a visualización de contidos de usuarios que prefiren evitar o contacto con el).
Ao parecer, este cambio de política de X non correspondería a un enfoque diferente da privacidade, senón que simplemente respondería ao feito de que, ante a avalancha de contidos publicitarios tóxicos (criptomoedas, calotes, tendas de produtos de fabricación chinesa con publicidade enganosa...) moitos usuarios reducen a súa presenza na aplicación bloqueándoo directamente, o que reduce a súa visibilidade e reduce os ingresos publicitario da compañía. Enténdese así que Musk antepón o diñeiro sucio aos usuarios da plataforma.