Musk restaura a conta de Twitter de Donald Trump

luns, 21 de novembro do 2022 Marcus Fernández

Hai varias semanas Elon Musk anunciou que «Twitter formará un consello de moderación de contido con puntos de vista moi diversos. Non se tomarán decisións de contido importantes nin se restablecerán contas antes de que se reúna ese consello» detallando logo que «o consello de moderación de contido de Twitter incluirá representantes con puntos de vista moi diverxentes, que sen dúbida incluirán á comunidade de dereitos civís e grupos que se enfrontan a violencia alimentada polo odio» para facer xusto o contrario a pasada fin de semana, cando publicou unha enquisa dende a súa conta persoal para que a xente votase pola restauración da conta de Donald Trump.
Despois de que a opción de restablecer a conta de Trump conseguise o 51,8% dos votos (deixando claro que non hai un consenso ao respecto), Musk anunciou que reactivaría a conta de Twitter de Trump, que poucas horas despois xa aparecía visible, provocando unha avalancha de críticas por unha decisión tan pouco prudente, que chegaba acompañada polo restablecemento de varias contas de usuarios que perderan o acceso a Twitter por discursos de odio de distinto tipo, dando a impresión de que Twitter é cada vez un espazo menos seguro para os usuarios.
Pero a xogada de Musk non saíu tan ben como quería, xa que tras a reactivación da conta de Trump, o ex-presidente fixo uso da súa conta en Truth Social para anunciar que non volvería a Twitter por preferir esta outra plataforma social.

Máis problemas para Twitter

Pero as polémicas políticas e de moderación non son os únicos problemas de Twitter nas últimas horas, senón que tamén emerxeron outros grandes atrancos para a plataforma, como a proliferación de películas e series de televisión publicadas en anacos de 2 minutos dentro de Twitter, deixando claro que os sistemas de protección de copyright non están a funcionar ben, probablemente por mor dos despedimentos masivos na compañía, que levan a que haxa pouco persoal atendendo a moderación de contidos.
E dende fóra da propia Twitter, tamén temos que a axencia de avaliación de riscos Moody’s anunciou que non é capaz de avaliar Twitter por déficit de información, polo que a incerteza provocada pola opacidade e as condutas erráticas de Musk fai imposible facer estimacións sobre o futuro de Twitter.

PUBLICIDADE