NACCE celebra en Braga a súa nova xeira de networking sobre oportunidades de negocio TIC

venres, 7 de decembro do 2012 Redacción

Logo da celebración en Vigo, o 29 de novembro, da primeira das novas xeiras de traballo (networking) do Proxecto NACCE, na que participaron unha vez máis empresarios galego-portugueses do eido TIC e profesionais en asesoramento e emprendemento adheridos a NACCE (para axudar a aqueles na súa andaina no mercado internacional e na procura de competitividade), a iniciativa traslada agora o seu eixe físico de actividade a Portugal, co-participante no proxecto. Máis polo miúdo, a cita terá lugar en Braga, o 11 de decembro.
Segundo informa a organización, contará co mesmo formato cá devandita Xornada de Internacionalización do 29 de novembro pero trataranse temas relacionados coa colaboración entre empresas TIC Galicia e o Norte de Portugal. O epígrafe baixo o que se desenvolve esta xuntanza, que se celebra na sede da asociación empresarial AIMInho. é o seguinte: Oportunidades de negocios TIC: Como vender e establecer acordos de colaboración entre empresas Galegas e do Norte de Portugal.
A xornada ten por obxectivo aglutinar a emprendedores con ideas de negocio e empresarios, xestores e responsables de entidades que apoian a colaboración, innovación e internacionalización, nunha mesma sala co mesmo propósito de apoiar o lanzamento de ideas e promover acordos entre o mercado dá Galicia e Norte de Portugal.
Programa
10h15 Café de benvida
10h30 Apertura Institucional AIMinho. Dr. Nuno Martins
Xunta de Galicia
AGESTIC. Dra. Sonia Rábade | secretaria xeral
Cámara Vigo. José Manuel García Orois | xerente
Universidade de Vigo. Francisco Javier Rodriguez Martínez | Subdirector da Escola Superior de Engenharia Informática
CCG. Eng. Carlos Corsino | Núcleo NACCE
11h00 Oportunidades de negocios TIC
Orador a confirmar | Centro de Computação Gráfica de Guimarães
11h20 Emprender en Galicia, desenvolver negocio en Portugal: PEZCALO, tenda on-line de pesca deportiva - Eng. Iván Fociños | AGESTIC
11h40 Prepara a túa empresa para vender en Galicia
Eng. Eloy Xesto Beiroa | Director executivo da empresa ESCOLA INVENTA
12h00 TenEstilo - María Antonia Otero | TenEstilo
12h20 jobLOVR. Atopa o teu freelancer
Eng. João Veiga | CEO da Empresa Scytale, lda e mentor do Proxecto NACCE
12h40 Codevision. Software Engineering
Eng. Marco Coelho | CEO da Empresa Codevision, lda. e mentor do Proxecto NACCE
13h00 Importancia da colaboración para as empresas
Eng. Adelino Silva | CEO da Empresa LINCIS, lda. e mentor do Proxecto NACCE
13h20 Debate
13h30 Comida de traballo
14h30 Inicio de traballos de mentoring
Eng. Adelino Silva
Eng. Ivan Fociños
Eng. João Veiga
Eng. Marco Coelho
Dr. Nuno Rodrigues | IPCA (Instituto Politécnico do Cavado e do Ave)
16h00 Finalización da xornada
Proxecto para empresas e emprendedores de Galicia e Norte de Portugal
Lembrar que o Proxecto NACCE está dirixido a empresas e emprendedores de Galicia e Norte de Portugal. É un proxecto eminentemente on-line, e é unha oportunidade de recibir asesoramento por parte de profesores e mentores de contrastada traxectoria profesional e formación en dirección de proxectos en colaboración, internacionalización de empresas e/ou creación de empresas de alicerce tecnolóxico. Arestora, máis de 250 profesionais, empresarios e emprendedores ligados ao sector tecnolóxico-dixital de Galicia e o Norte de Portugal están a participar directamente no Proxecto NACCE. Dirixidos por un equipo de expertos tanto a nivel de empresa (Proxectos e I+D, Plans Estratéxicos, Continuidade de Negocio, Tecnoloxía, Mercadotecnia) como a nivel de promoción e desenvolvemento de empresas de nova creación, novas liñas de negocios e desenvolvemento de start-ups; están a traballar en exportar os seus produtos e servizos tecnolóxicos, de Internet ou contidos dixitais, preferentemente en Portugal e viceversa; creando novas liñas de negocio en colaboración con empresas e/ou equipos de profesionais do outro lado da fronteira; e, directamente, constituíndo desde cero unha empresa de base tecnolóxica.
O proxecto NACCE inscríbese dentro da segunda convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013, e participan a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, AGESTIC (Asociación Galega de Empresas TIC), Cámara de Comercio de Vigo, Universidade de Vigo, AIMinho (Associaçao Empresarial) e o CCG/ZGDV (Associaçao Centro de Computaçâo Gráfica). Espérase que signifique un gran estímulo para o sector TIC de Galicia e do norte de Portugal favorecendo a creación de emprego e de empresas tecnolóxicas.